O militarismo é o principal inimigo da paz

O auxe da industria bélica en España e en Europa non é un sinal de modernización nin de seguridade; é o síntoma máis alarmante dunha deriva fondamente autoritaria, depredadora e antisocial das elites políticas e económicas que gobernan o continente.

Por Óscar Lomba | Vigo | 09/07/2025

Comparte esta noticia
Baixo unha retórica falsamente humanista que invoca a “seguridade”, a “resiliencia” e a “autonomía estratéxica”, o que se está consolidando é un complexo militar-industrial voraz, opaco e antidemocrático que converte a guerra —ou a ameaza constante dela— nun motor económico. O chamado Plan ReArm Europe ou Readiness 2030, promovido pola Comisión Europea, non é outra cousa que a institucionalización dunha economía de guerra en tempo de paz. Unha paz cada vez máis fráxil, precisamente pola lóxica armamentística que este plan alimenta.
 
A industria militar española é hoxe un das engrenaxes deste proxecto bélico europeo. Empresas como Airbus Defence and Space, Navantia, Indra, Santa Bárbara Sistemas ou Expal Systems forman parte dunha rede industrial orientada á produción masiva de instrumentos de morte: desde cazas e fragatas até carros de combate, mísiles, radares e sistemas de artillería. Este armazón non só conta co beneplácito do Estado, senón que depende del. Sen os contratos do Ministerio de Defensa, sen os fondos europeos para innovación militar, sen as misións armadas da UE e a OTAN, o sector colapsaría. E con todo, preséntase como un piar económico estratéxico, coma se a única vía de desenvolvemento industrial e tecnolóxico fose alimentar a maquinaria de guerra.
 
A trampa retórica é tan vella como efectiva. Dicer que esta industria xera emprego e riqueza, cando en realidade o que produce é dependencia, devastación e unha perigosa reconfiguración do papel do Estado. O argumento dos “65.000 empregos” e os “6.600 millóns de euros anuais” soa convincente —para algunhas persoas—  até que un pregunta: canto talento, cantos recursos públicos, cantas enerxías están a ser desviadas cara á fabricación de armas en lugar de ser postos ao servizo da transición ecolóxica, a investigación sanitaria, a educación, a cultura ou o desenvolvemento de tecnoloxías civís? A economía de guerra que se está construíndo hoxe en Europa baixo o nome de Readiness 2030 non ten outro horizonte que o enfrontamento, o medo e a perpetuación de conflitos alimentados por intereses xeopolíticos alleos á vontade dos pobos.
 
Este plan non é un episodio illado. Forma parte dunha doutrina militarista máis ampla, capitaneada pola OTAN, que agora esixe aos seus Estados membro que destinen até un 5% do PIB ao gasto militar. Esta esixencia, presentada como unha necesidade “de seguridade colectiva”, é en realidade unha chantaxe xeopolítica imposta desde Washington e secundado sen crítica desde Bruxelas. Que implica esta porcentaxe? No caso de España, suporía pasar a máis de 80.000 millóns. É dicer, unha cifra moi superior a todo o que se inviste en sanidade pública, en educación ou en vivenda. Quen pode defender isto sen caer no cinismo ou a corrupción?
 
O que se esconde detrás do rearmamento europeo non é a defensa dos dereitos humanos, nin a protección das democracias, nin sequera unha estratexia realista fronte a ameazas externas. O que hai é un proxecto de rearmamento económico do capital industrial e financeiro, que atopa na guerra —e na súa preparación— un campo vizoso para o negocio. As guerras xa non necesitan estoupar para ser rendíbeis, pois abonda con que haxa unha tensión constante, unha carreira armamentística continua, unha política exterior incendiaria e uns medios de comunicación obedientes que convertan cada xesto diplomático ruso, chinés ou iraniano nunha “provocación” e cada envío de armas europeo como un “acto de defensa”.
 
Porén o resultado non é a seguridade, senón a militarización das nosas sociedades, a criminalización da disidencia pacifista, a censura informativa, o enfraquecemento da soberanía popular e o crecemento do autoritarismo tecnocrático. O Plan ReArm Europe é tamén un plan de sometemento á lóxica do capital armamentístico, aos intereses das grandes potencias, á OTAN, ao medo como forma de cohesión social.
 
A industria bélica non só produce armas. O complejo militar-industrial tamén produce ideoloxía. Unha ideoloxía belicista, machista, ultranacionalista ou chauvinista, obediente, que glorifica a forza e despreza a diplomacia, que converte o conflito en algo inevitábel e natural, que infantiliza á cidadanía e demoniza calquera pensamento crítico como unha ameaza interna. Así, o rearmamento non se limita aos arsenais. É tamén un rearmamento discursivo, simbólico e represivo. Quen non quere participar nesta lóxica é tachado de “inxenuo”, “pro-ruso”, “antipatriota” ou “inimigo do progreso”. Porén o verdadeiro inimigo do progreso é aquel que renuncia ao futuro para blindar o presente, aquel que substitúe a política pola guerra preventiva e o debate democrático pola chantaxe orzamentaria do complexo militar-industrial.
 
Fronte a este panorama, fai falta unha mobilización democrática e radical. É urxente dicer con claridade que non co diñeiro dos nosos impostos, non coas nosas institucións. Hai que recuperar o principio constitucional de que “a política exterior debe estar orientada á paz e á cooperación internacional”. Hai que desmilitarizar o gasto público, pechar a billa dos contratos armamentísticos, reinvestir en sectores produtivos ao servizo da vida. Hai que promover unha cultura de paz, de diálogo, de resolución pacífica de conflitos e desarmamento progresivo. Hai que rescatar a soberanía dos pobos fronte ao secuestro tecnocrático das elites belicistas.
 
O estado español non necesita máis cazas, máis fragatas, máis bombardeiros, máis obuses, máis tanques nin máis radares. Necesita máis médicas, máis mestras, máis enxeñeiras para a transición enerxética, máis cultura e máis xustiza social. Europa non necesita un Plan ReArm, senón un Plan de Reparación do tecido social escachado, do medioambiente devastado, das democracias debilitadas por mor dos anos de ultraliberalismo e de submisión á lóxica militar. Porque o rearmamento é un lastre para o progreso da humanidade. E a paz non se constrúe con mísiles, senón con dereitos.
 
O militarismo non é o prezo da paz, senón o seu principal inimigo.

Varios centenares de militares participan en exercicios de defensa aérea en Galicia e o océano Atlántico / MINISTERIO DE DEFENSA / Europa Press
Varios centenares de militares participan en exercicios de defensa aérea en Galicia e o océano Atlántico / MINISTERIO DE DEFENSA / Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966). Coordinador de Diem25 en Galicia e candidato ás eleccións europeas por Podemos. Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista.