1 de 302 en Opinión seguinte

Mais aló da crítica, autoorganización

...Se a soberanía non pode ser imposta nin roubada, non deixemos que nos convertan en figuras de arxila Confianza en nós mesmos. Rebelión contra a supremacía da desigualdade...

Por Fermín Paz | As Pontes | 03/10/2025

Comparte esta noticia
É necesaria pero non abonda cunha crítica mais ou menos radical ao actual modelo de vida no que estamos inxeridos. A Galiza soberana precisa de afondar máis na súa estratexia fronte o  imperialismo xermolo da desigualdade en todas as súas manifestacións. O contexto non é doado. O españolismo ten aínda a súa pegada na Nosa Terra, tanto a nivel social como electoral (coas súas fases de avances e retrocesos), e por moita enerxía que o nacionalismo galego poña nas contendas electorais  pode obrigar a algunha cesión e mellora para a Autonomía Galega, pero o "status quo" do Estado Español e a súa Constitución fai inviable calquera outra Soberanía neste marco. Máis cedo que tarde o bipartidismo na gobernanza do Estado será de novo unha realidade. Convén afondar neste asunto atraveso do debate sen pechar ningunha porta á suma de esforzos no nacionalismo galego, porque o medre da idea de mellora atraveso de acordos e traspasos de competencias que están a producirse no actual contexto político, pode rematar creando un espellismo e haberá quen aposte e conforme con ese posibilismo de acadar algunha outra soberanía nacional por esta vía.
 
Todos e todas deberiamos saber que a mallar apréndese mallando e para acadar o  obxectivo primeiro o nacionalismo galego debe priorizar a súa acción na autoorganización, porque é unha das claves de bóveda que  terma de calquera construción nacional. Talvez, no medio dun ambiente tan polarizado como o de hoxe, haxa que recuperar prácticas comprobadas. Dous pasos atrás para logo avanzar, as veces é unha boa escolla denantes que a voráxine electoral remate afundindo un proxecto político. Os ceacús fanse sempre para consolidar posicións; se retrocedes hoxe, é para recuperar máis adiante. Por que non volver ás vellas maneiras de autoorganización, socialización e  de subxectivación política?. Por que deixar o campo aberto ao hexemonismo doutros actores políticos sen pelexa e sen ir mais aló. 
 
Os atrancos de hoxe son mais fortes?; ou é que xa  remataron as posibilidades de máis autoorganización? A xente que está a termar da nosa Patria nas aldeas, vilas e cidades maioritariamente decátanse da necesidade dunha casa común para o nacionalismo galego. O conformismo non permite avanzar.  Darlle voz a calquera  desigualdade social e a todos os niveis da estruturación social na Galiza, si. Hoxe, o proxecto nacionalista galego  precisa destas características;  conformarse exclusivamente cos resultados dunha coxuntura electoral é o mellor camiño para " morrer de éxito". O que xa está  organizado precisa mellor atención, mais no meu entender as novas temáticas  son  tarefas con moito nutrinte para calquera organización e o seu traballo na sociedade e nas Institucións e non do revés. A relación de asuntos que merecen a atención necesaria a nivel organizativo é doado de facer. Chega con facer unha lectura dos programas electorais das organizacións nacionalistas galegas,  e onde só atopemos a reseña dalgunhas problemáticas sen máis alternativa que a crítica ás políticas dos demais, saberemos onde hai que facer esforzo por impulsar ou mellorar o que se está a facer.
 
Ademais dunha cultura popular crítica para confrontar o que está acontecendo precisamos do traballo militante e da ideoloxía que si poden entenderse como  básicos,  pero hai que estar con quen sofre e padece vellas e novas situacións de opresión e explotación. Hai necesidade de atopar e propoñer novos espazos de acción que xa tratei de concretar dunha maneira moi sinxela. O nacionalismo galego, ademais da loita e solidariedade coa problemática que xurde destes asuntos, deberá ser máis creativo e darlles un espazo na estrutura organizativa asemais de explicitar a súa dimensión política.
 
Na tarefa de construción de alternativas ás diferentes problemáticas que van xurdindo seria convinte afastarsetanto na oratoria como na escrita dos discursos feitos con remendos  Para o convencemento dos  demais compre fuxir da inxenuidade, que só coa crítica do que fan outros, abonda A politización dos conflitos só se vai acadar con actitudes e xestos de coherencia ética na práctica política e demostrando que a mellor forma de dicir é o facer. 
 
Un apuntamento concreto  que precisa dun facer xa :
 
O despregamento das tecnoloxías da información en mans alleas están a controlar medios de comunicación e redes sociais. O poder na maioría de todas as expresións políticas e financeiras do Mundo está a impoñer un ideario concreto que non debemos descoñecer. O crecente protagonismo das grandes empresas tecnolóxicas e financeiras está deixando co "cu o aire"  ás democracias liberais e xerando unha tormenta perfecta que derruba a relación da xente do común coa información para afastala o máis posíbel da realidade e da verdade. É convinte non esquecer o papel decisivo que tiveron no seu día outros inventos tecnolóxicos para construír novas formas de facer política e, nunha análise, establecer unha comparanza co que está a pasar hoxe. A irresistible ascensión do Nazismo foi posíbel grazas a un potente sistema de propaganda para logo fortalecer as grandes convocatorias de masas e facelas permisivas co "todo vale".  A ditadura franquista, cando deixou de matar a diario para asegurar o silencio dos cidadáns, constrúeo un forte aparello de propaganda cunha finalidade tamén represiva erguida sobre falsidades intencionadas cara adentro e fóra, e que non podían ser postas en dubida. Foi tamén, Benito Mussolini quen promoveu a aviación en Italia para aumentar o "prestixio" do réxime fascista e sempre estivo moi presente na súa propaganda, tanto internamente nos actos públicos como nas guerras. Hoxe, nun contexto de máxima incerteza, descontento e medo, as redes sociais − están a ser convertidas nun  novo axente político con dinámica propia− sementando a sospeita sobre os contrarios e unha posibilidade  de recambio nos adentros do sistema por apodrecemento, asolagando con laretadas e relatorios feitos a medida de obxectivos concretos calquera espazo do faladoiro público ou privado, para clarificar quenes son os inimigos e a quen hai que deslexitimar de primeiras para logo criminalizar. Resumindo, a lóxica das plataformas dixitais e redes sociais, centradas na batalla da atención, no fondo o que queren é rebaixar a práctica política a consideración  dunha merdallada, onde "todo é igual", aínda que logo, nun chiscar de ollos, pasen do desprezo a  presentarse como única e verdadeira alternativa salvadora. É unha nova fe relixiosa aparentemente sen ningunha regra. Logo de  impoñer o seu engano quen sabe o que virá. 
 
Desde o coche oficial  esta tarefa non merecerá  mais atención, se acaso, o dun posíbel beneficio ou prexuízo electoral. ¡Magoa que estas cousas no merezan máis seguimento e algunha decisión, xa! .Desaproveitar o "bo tempo electoral"  para  ditos asuntos non é aconsellábel porque chegará "o inverno" e, daquela, ademais da "friaxe polo resultado", laiarse non pode ser a alternativa.

Redes sociais
Redes sociais | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.