Como terá chegado España a isto, cando antes á xente molestáballe un simple "prohibido fumar" no tranvía? Misterio. Aventuraremos algunhas conxecturas, porque os profesores temos que entender o mundo ou polo menos facer o que podamos. Espero que non sexan infundadas.
Agora, os gobernos cortan na sociedade como un coitelo na manteiga. Atrás quedan a transición e o réxime do 78; pretender que seguimos alí é coma se en 1925 pretendesen que seguían no 1875. Levamos varios cambios de réxime, parciais pero serios, polo menos, contra 1986-1992, 2008-2011 e 2020; sempre aumentando o control e diminuíndo a liberdade. Segundo o oficialismo, somos unha democracia plena e, mentres os controis sexan de natureza só administrativa, mentres poidamos seguir a votar, e poidamos crear un partido político, a liberdade política non estará ameazada. Parecida é a visión oficial da UE: Europa é un xardín; o resto, xungla; da grazas de vivir aquí; mentres teñas eleccións ao Parlamento Europeo e unha Carta Europea de Dereitos Fundamentais, as regulacións comunitarias, poucas ou moitas, non diminúen a calidade democrática.
Pero a realidade nosa, a única —non hai outra— é que se un vive baixo contínua vixilancia e control (e, eventualmente, sanción) nos asuntos cotiáns, mesmo menores (e non tan menores: Lei Mordaza), aínda que non veña ningún militar bigotudo a trompadas, cos anos desenvolverase un espírito de submisión; maior do que se desenvolvería se, por hipóteses, un fóra absolutamente libre no cotián pero non puidera, no día das eleccións, votar polo seu partido, nin crear outro.
Asemade, cando vostede interioriza que as súas protestas non serven gran cousa, á décima vez, a súa rebeldía poñerase en modo off (exemplo: soportando estoicamente os controis aeroportuarios), mesmo sen nos someter mentalmente.
Cando ata por levar o chip das peaxes fóra do seu sitio poderíase ser multado, e cando todas as multas son altas, e todas se cobran, un escarmenta. E cos uniformes, mellor non discutir (supoñendo que nos multe un ser humano). Cando a un lle quitan da súa nómina unha multa de tráfico sen orde xudicial, e non hai razoamento que valla, nin onde facelo, nin posibilidade de discutir en persoa con ninguén, un experimenta en carne propia a implacabilidade do estado. Quen a experimente, paga, e en diante evita caer no mesmo, non sexa que aínda por riba lle caia un embargo automático.
Ademais, o cidadán illado (nunha sociedade centrifugadora, tendencialmente, todos) é débil. Hai anos que ninguén na rúa pregunta unha dirección ou a hora.
Tras varios decenios na mesma liña o réxime presenta mesmo algúns indicios de case-totalitarismo, versión ultramoderna, ao que chegamos a base de controis, vixilancias, sancións, a última tecnoloxía dixital ao servizo do Fisco e da policía; as diversas administracións públicas cruzando dixitalmente os nosos datos... O que diga o inspector de traballo ou de facenda ten presunción de veracidade, instaurando así a desigualdade formal, contra o art. 14 da Constitución, que a ninguén importa. Más de 40 anos de “a lei é a lei”, se non estás conforme, cámbiaa, vota a outro partido ou presenta un recurso xudicial. "A lei é a lei"; “as leis que nos temos dado” (como se fora así), o mellor dos mundos, a nosa democracia plena.
Goberno por medo. Desde máis ou menos os tempos do ministro Montoro, o poder descubriu a eficacia e limpeza dunha nova arte de gobernar, o “goberno por multa”, unha variante suavizada do "government by fear". Para os casos moi serios, como Cataluña, aí están a lei, a policía, o cárcere e unhas multas cósmicas.
A xente de 50 anos non ten memoria histórica de cambiar nin emendar nada por presión popular, ou escasísimas veces, e no nivel máis local. Nada depende de ti, de min, agás elixir entre unha lista bloqueada e outra igual de bloqueada; “é o que hai”; xa o sabemos. Da recondución duns posibles chaleques amarelos españois ao curro do sistema, encarregouse Podemos.
Ao final, só para manter o salvavidas da independencia mental, precísase ser case un heroe.
Queda por mencionar a realidade innegable da crecente de submisión asumida, voluntaria (así: os controladores aeroportuarios parecen crer no que fan). Pero diso, se cadra, xa falaremos outro día.—