Dixéronnos que Europa era o continente da paz, dos dereitos humanos, do estado do benestar. Hoxe, esa Europa gasta 800.000 millóns en armas mentres millóns de persoas non poden quentar as súas casas nin pagar o alugueiro. Non é un erro, é un plan. A desculpa da «seguridade» está a ser utilizada para instaurar en Europa un réxime de guerra permanente que somete á Unión Europea aos desexos da OTAN, entrega o seu orzamento ao lobby armamentístico e a transforma nunha estrutura hostil contra os dereitos e necesidades da súa propia cidadanía. Non é unha deriva accidental, senón unha estratexia planificada. Se non detemos o rearmamento, a democracia será devorada polo complexo militar-industrial, e o proxecto europeo converterase nunha casca baleira ao servizo das elites e a guerra.
Europa vive un proceso de mutación política e cultural que case non se menciona coa gravidade que merece. Está a consolidarse, a pasos axigantados, un réxime de guerra permanente que converte ao vello continente nunha engrenaxe subordinada á maquinaria armamentística global, á vez que baleira de contido a democracia, a soberanía popular e os valores históricos sobre os que se construíu o proxecto europeo tras o horror das guerras mundiais do pasado século XX. Non estamos só ante un acrecentamento conxuntural do gasto militar como resposta a unha situación xeopolítica concreta —a invasión rusa de Ucraína—, senón ante unha transformación estrutural na que os intereses da industria armamentística, os lobbys do complexo militar-industrial e a estratexia atlantista impóñense por completo a calquera lóxica de paz, seguridade común ou xustiza social.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, puxo cifras a esta deriva. Até 800.000 millóns de euros pretende mobilizar a UE para rearmar o continente, mediante un instrumento financeiro que outorgará préstamos por valor de 150.000 millóns e alentará aos Estados membro para gastar até o 1,5% do seu PIB en defensa, á marxe das regras fiscais do Pacto de Estabilidade. A mensaxe é clara, non hai límites orzamentarios nin regras de austeridade para as armas. Para a sanidade, a educación, a axuda a dependencia ou o escudo social sempre hai restricións; para os mísiles, as bombas, os cazas e os tanques, vía libre. Este uso da excepcionalidade para apontoar o militarismo europeo non é unha anomalía, é unha declaración de principios.
O rearmamento masivo de Europa é inseparábel dos intereses económicos dun sector privilexiado e opaco, o lobby armamentístico. O complexo militar-industrial europeo —con xigantes como Rheinmetall, Leonardo, Airbus Defence, MBDA ou Thales— viu dispararse os seus beneficios desde 2022. Os contratos públicos millonarios, as subvencións á industria e os plans de compras conxuntas benefician a un feixe de empresas que manteñen estreitas relacións con gobernos, eurodeputados e altos cargos comunitarios. Non se trata dunha resposta técnica a unha ameaza externa, senón dunha estratexia ben deseñada para xerar oportunidades de negocio baixo a cobertura do discurso da «seguridade».
As portas xiratorias entre as institucións europeas e a industria de defensa non son unha excepción, senón unha regra do sistema. O caso de von der Leyen é paradigmático. A súa estreita relación cos lobbys armamentísticos xa era coñecida en Alemaña, onde estivo implicada nunha polémica por contratos militares adxudicados sen licitación. Hoxe, como presidenta da Comisión, lidera unha axenda belicista sen precedentes. Non se trata de defender Europa, senón de poñela ao servizo da OTAN, dos Estados Unidos e dos intereses do complexo militar-industrial transatlántico.
A militarización da Unión Europea é tamén un proxecto ideolóxico. Preséntase como unha política de “autonomía estratéxica”, porén en realidade reforza a dependencia de Europa respecto á armamento estadounidense e as doutrinas militases da OTAN. Desde a guerra de Ucraína, os países europeos importaron máis armas dos Estados Unidos que nunca, mentres seguen sen desenvolver unha doutrina de seguridade propia, baseada na paz, a neutralidade activa e a solución diplomática e pacífica dos conflitos. A idea de que só pode haber seguridade a través do rearmamento e da forza é a base dun novo sentido común reaccionario que baleira o concepto de paz de calquera contido emancipador. A UE non só rearma o seu territorio, rearma tamén os seus discursos, as súas políticas exteriores e os seus relatos mediáticos.
O papel dos medios de comunicación neste proceso non pode subestimarse. A maioría dos grandes medios europeos asumiron sen fendas o marco discursivo do atlantismo, a demonización do adversario xeopolítico —neste caso, Rusia e tamén, crecentemente, China— e a glorificación do rearmamento coma se se tratase dunha necesidade ética, racional e mesmo progresista. Silénciase calquera voz crítica, exclúense do debate público a quen denuncia o militarismo, se estigmatiza a diplomacia como inxenuidade e convértese aos defensores da paz en sospeitosos de colaboracionismo. A función dos medios non é informar nin problematizar, senón normalizar a lóxica do militarismo, o rearmamento e a guerra permanente.
Esta cobertura mediática non é neutral nin casual. Moitas das grandes corporacións mediáticas europeas forman parte do mesmo armazón económico que os xigantes do armamento, e comparten os consellos de administración, as redes de lobby e os intereses financeiros. Os think tanks que deseñan as estratexias de defensa e os discursos sobre seguridade europea están financiados por empresas do sector armamentístico. A UE, ademais, destina fondos á creación de medios e contidos que reforcen a súa narrativa xeoestratégica. Estamos ante unha forma de propaganda estrutural que se disfraza de consenso racional. É a hexemonía cultural do militarismo.
A guerra en Europa converteuse nunha panca de transformación política regresiva. O rearmamento acompáñase dun recorte progresivo de dereitos, dunha regresión democrática e dunha redución do espazo para a disidencia. A construción dun inimigo externo xustifica a militarización interna o que leva a máis vixilancia, máis control fronteirizo, máis criminalización do disenso. O paradigma securitario imponse como a nova racionalidade política. E como en todas as épocas de reacción, preséntase como un sacrificio inevitábel para protexer as nosas liberdades, cando en realidade destrúeas desde dentro.
O paradoxo é que o rearmamento non garante máis seguridade, senón máis inestabilidade. Aumenta a tensión internacional, multiplica os riscos dunha escalada bélica e bloquea calquera vía diplomática para resolver conflitos. A construción de bloques armados, o rexurdimento da carreira armamentística e a doutrina da disuasión son fórmulas obsoletas que só benefician aos fabricantes de armas e ás elites militares. A seguridade non pode construírse sobre a base da militarización, senón sobre a xustiza social, a cooperación internacional e o fortalecemento do dereito internacional. Europa afástase a gran velocidade desa visión.
O impacto económico e social do rearmamento é devastador. A prioridade do gasto militar en plena crise social é unha afronta ás clases populares. En estados como España ou Italia, onde millóns de persoas sofren precariedade, exclusión e pobreza enerxética, destínanse miles de millóns a comprar armamento que, en moitos casos, nin sequera se fabricará no propio país. O rearmamento é unha forma de transferencia de riqueza desde o sector público cara ás elites industriais. É un saqueo legalizado que se presenta como defensa do interese nacional.
A esquerda institucional europea fracasou, en boa medida, en facer fronte a esta deriva. Asumiu o marco da seguridade militarizada, lexitimou a lóxica de bloques e renunciou a artellar unha alternativa clara baseada no internacionalismo, a soberanía popular e a cultura de paz. As excepcións son escasas, e as voces disidentes son marxinadas polos grandes partidos e excluídas dos medios de comunicación. É urxente reconstruír unha esquerda que entenda que a loita pola paz non é só unha posición ética, senón unha necesidade estratéxica para os pobos de Europa.
Fronte ao réxime de guerra que se albisca, é máis necesario que nunca erguer un novo internacionalismo democrático, feminista e ecosocialista que desenmascare o militarismo como o que é, unha ferramenta de dominación capitalista, patriarcal, extractivista, imperialista, neocolonial, excluínte, deshumanizante e ecocida. A industria armamentística é responsábel de emisións masivas de CO₂. Ademais sitúase entre os sectores máis corruptos do mundo e acumula cotas escandalosas de impunidade. Combatela é inseparábel da loita por un mundo máis xusto, igualitario e sostíbel. Non se pode falar seriamente de transición ecolóxica mentres se destinan centos de miles de millóns á destrución. Non se poden defender os dereitos humanos mentres se arman ditaduras, se patrocina estados xenocidas como Israel e se blindan as fronteiras contra quen foxe da miseria e da guerra. E non se pode preservar a democracia mentres se impón en Europa un réxime baseado na linguaxe e na lóxica da guerra.
Europa necesita un xiro radical. Non cara a unha suposta autonomía militar, senón cara a unha auténtica soberanía democrática que poña a vida no centro. A seguridade non pode seguir sendo definida en termos militares, senón en clave humana. A verdadeira seguridade constrúese garantindo vivenda, saúde, educación, traballo digno, acceso á auga, á enerxía e aos coidados. O rearmamento de Europa é, en realidade, o desarmamento da súa democracia. E cada euro investido en armas é un euro roubado ao futuro. A paz non se defende con máis armamento, senón con máis xustiza social. É tempo de dicelo con claridade. E, sobre todo, de actuar en consecuencia.