Por Jose Luis Quintela | SANTIAGO | 01/08/2025
En moitas das análises sobre a pertinencia ou non de máis facultades de Medicina en Galicia sobrevoa sempre a sospeita, expresada dunha forma máis ou menos explícita, do interese desde o eido da universidade privada de implantar tal titulación na nosa comunidade. E, vista así a cousa, parece que ten lóxica que entón sexa a propia universidade pública, ligada desde hai tempo aos hospitais públicos e á súa actividade académica, a que abra o melón da duplicación, e de paso escoitando así a reivindicación de moitos dos estudantes que quedan fóra cada ano da actual oferta de ingreso en tal carreira na Facultade de Medicina da USC en Santiago.
Non sei se isto vai ser así, e se nas mentes que hoxe rexen os proxectos universitarios privados en Galicia –presentes ou en proxecto- hai ese obxectivo. O que sei e que a partir do devezo expresado polo reitor da Universidade de A Coruña, Ricardo Cao, sobre o interese desa Universidade de conformar a segunda facultade da titulación en Galicia, abriuse a caixa dos tronos. E aí segue a cousa, moito peor aínda cos sucesivos pasos dados, as chamadas á concentración dos recursos por parte de persoas senlleiras na Universidade de Santiago e das autoridades da Xunta de Galicia, e as manifestacións a prol da nova creación por parte das corporacións locais de A Coruña e Vigo.
Con todo, mirando ao mar, coido que o tema non é fácil. É verdade que cando, por exemplo, diferentes xefes de servizo do hospital de Santiago chaman á concentración dos recursos teñen os seus argumentos. Pero claro, iso mesmo podería ser aplicado a outras titulacións conceptual e empiricamente tan complexas ou máis que a de Medicina, e que no seu momento foron desdobradas ou, peor aínda, das que se desgaxaron partes importantes para dar paso a outras titulacións parecidas nas diferentes universidades galegas. E que é verdade que detrás dunha Facultade de Medicina hai moito traballo oculto, moita investigación, moitos grupos específicos que atinxen a moitas materias pero... non acontece iso mesmo en titulacións como Física, sen ir máis lonxe, da que descenden por fractura outras titulacións nas distintas universidades galegas? Fíxense, toda a actual Enxeñería Electrónica de Santiago, por exemplo, vén do xermolo cultivado na Facultade de Física durante moitos anos en forma de especialidade, e que logo se separou, nunha titulación que tamén pode ser cursada hoxe noutros campus doutras universidades.
Pero incluso os propios estudos de Física, continuando co exemplo, foron duplicados de forma bastante arbitraria e ata aberrante nos termos indicados agora polos xefes de Servizo do Hospital de Santiago, xa en tempos de Manuel Fraga. “Que máis estudos podemos poñer aquí en Ourense? Química?” “Non, iso xa existe en varios sitios”. “E entón, que titulación impártese só nunha cidade?” “Física, pero...” “Pois Física”, sentenciou entón o Presidente. E Física foi para alí, cun comezo incerto e un futuro nulo a medio prazo, terminando por morrer, pero dando lugar a toda a actual oferta de estudos do Grao de Enxeñería Aeroespacial, ao que por certo lle vai moi ben no campus de Ourense da Universidade de Vigo... Poño por exemplo Física non só porque a coñezo ben, tendo incluso sido Profesor Asociado en dita Facultade, senón porque é un bo caso tamén de estudos que implican moito máis que aulas, contidos, pensamento e profesores, tamén desde o punto de vista máis material. Se non se prepara unha Facultade de Medicina nun día, unha de Física asegúrolles que tampouco, de ningún modo...
Outras persoas falan de que Galicia só dá para unha facultade de Medicina... Tendo en conta non só os equipamentos hospitalarios de máximo nivel nas nosas cidades, que xa teñen percorrido dabondo na cousa de investigar e de aplicar os resultados de dito traballo á innovación e mesmo á clínica, senón tamén os profesionais vinculados á docencia a diferentes niveles que hai no sistema, o certo é que estamos moi por baixo das ratios doutras comunidades en facultades por millón de habitantes. Somos algo máis de dous millóns, e unha facultade. Esa non é a proporción que hai en Madrid ou en Cataluña, con lugares como Lleida (menos de 150.000 habitantes) con Facultade propia, e sumando ata seis no conxunto da comunidade catalana, cinco públicas e unha privada. Pero os críticos coa creación dunha nova Facultade pública falan de que tal nivel de desdobre é unha maneira de, por minifundio, chegar á irrelevancia. Eu non estou de acordo con tal idea así expresada... É verdade que canta maior dispersión dos recursos máis haberá que focalizar para que, sendo mais pequenos, poida ser acadado un bo nivel de calidade e non digamos de excelencia... Pero as cousas non son tan automáticas, e hai moitos máis problemas hoxe que lastran o desenvolvemento óptimo das universidades españolas, ben lonxe do asunto do tamaño...
Con todo, deilles un argumento en contra da creación de máis estudos do Grao de Medicina en Galicia e un par claramente a favor... E, como lles dicía ao principio, todo ten o seu “yin” e o seu “yang”, nada é branco nin é negro. É gris, cunha inmensa paleta da que hai que tomar recortes... Pero o que está claro é que, a partir de aquí, o que se decida ten que ser no eido político, como decisión estratéxica valente e fundamentada. Calquera das solucións é igualmente válida, coas súas limitacións e as súas vantaxes. No que hai que retratarse é por unha aposta máis centralista, lle chamen como lle queiran chamar, ou por unha aposta máis descentralizada... E nada é puro, eh? Todo ten as súas peaxes...
Cóidense, que xa a cousa das citas médicas estaba regular, e coas calores do verán e estas liortas, ao mellor aínda vai a peor a lista de agarda...