1 de 304 en Opinión seguinte

O Nobel da Paz convertido en arma de guerra ideolóxica

A concesión do Premio Nobel da Paz a María Corina Machado é unha burla á intelixencia colectiva, unha bofetada á memoria histórica e unha proba irrefutábel de que o comité noruegués rendeuse aos intereses máis escuros do imperialismo e da ultradereita global. Non é un erro nin unha confusión, é unha provocación política, unha operación mediática deseñada para lexitimar o golpismo baixo o disfraz hipócrita da “defensa da democracia”.

Por Óscar Lomba | Vigo | 13/10/2025

Comparte esta noticia
Machado non representa a paz, representa o odio de clase, a destrución das institucións democráticas e o fanatismo elitista que alimentou os peores episodios de intervencionismo na historia latinoamericana. A súa carreira é un manual de desestabilización, feita de conspiracións, chamadas ao motín, campañas de desinformación e alianzas con axentes externos dispostos a reducir Venezuela a un laboratorio do caos. Premiala cun Nobel é premiar o neofascismo, a sabotaxe, o balbordo e o rancor como ferramentas políticas.
 
O comité noruegués, con esta decisión, enterra definitivamente o prestixio do premio e exhibe o seu sometemento aos centros de poder que converten a paz nun concepto utilizábel, maleábel e mercantilizado. O que un día foi símbolo de ética e reconciliación hoxe é un trofeo decorativo nas mans do intervencionismo e da hipocrisía occidental. O Nobel da Paz morreu afogado entre titulares de prensa e intereses xeopolíticos.
 
Non é un recoñecemento, é unha declaración de guerra simbólica contra a verdade e contra todas as persoas que loitan por unha paz real, baseada na soberanía e na xustiza social. O que se premia non é a valentía nin o diálogo, senón a servidume política. É o triunfo da propaganda sobre a ética, da impostura sobre a coherencia.
 
A fotografía deste momento é brutal. Un galardón manchado de cinismo nas mans dunha golpista que fixo da confrontación o seu credo. Unha institución que, en lugar de honrar a paz, glorifica o conflito e a mentira. O Nobel, convertido en farsa, é hoxe o espello da súa propia decadencia. Un premio que fala de paz mentres celebra o golpismo, o intervencionismo, o imperialismo, a dominación e a guerra.

Corina Machado, líder da oposición de Venezuela e Premio Nóbel da Paz
Corina Machado, líder da oposición de Venezuela e Premio Nóbel da Paz | Fonte: EP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966). Coordinador de Diem25 en Galicia e candidato ás eleccións europeas por Podemos. Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista.