A Xunta destina 4 millóns para publicitar “a industria 4.0 e a I+D+I” mentres segue a fuga de cerebros ao estranxeiro

Dous millóns terán que ser investidos nos meses que quedan deste ano e os outros dous no 2020, que é ano electoral.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/08/2019 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

A Xunta continúa repartindo diñeiro entre os grandes medios de comunicación de Galicia. Neste caso, trátase dun novo contrato de publicidade institucional de case catro millóns de euros, que se pechou a mediados do pasado xuño, e que quere publicitar “a industria 4.0 e a I+D+I”. 

Parte dos medios de comunicación que difundirán esta campaña
Parte dos medios de comunicación que difundirán esta campaña

E é que a finalidade da campaña é pagar anuncios nos grandes grupos mediaticos de Galicia sobre “a revolución tecnolóxica que se está producindo no ámbito da empresa e que conlevará un novo modelo laboral, social e económico, consolidando a industria 4.0 e a I+D+I”. Unha publicidade dos proxectos innovadores do Goberno galego mentres segue a fuga de cerebros ao estranxeiro.

A Xunta xustifica este concurso para que os galegos teñan cada vez máis “unha conciencia colectiva sobre a importancia de apostar pola tranformación dixital e pola consolidación dun ecosistema innovador”.  Por iso insiste en que o importante é resaltar que a competitividade do tecido empresarial galego pasa “pola fábrica intelixente” e por “reforzar as competencias dos traballadores, tendo en conta as necesidades do mercado laboral e os novos empregos que se xerarán nos próximos anos froito desta transformación dixital”. Tamén di que esta campaña publicitaria axudará a “consolidar un ecosistema innovador en Galicia que teña no epicentro das súas accións ás persoas e o seu talento”.

O adxudicatariodo concurso, a empresa Proximia Havas, terá que encargarse do desenvolvemento da estratexia, investigación e planificación de medios publicitarios e elaborará contidos para redes sociais vencellados coa campaña. Ademais, producirá e exeutará todas as pezas relacionadas coa creatividade e manterá unha comunidade virtual en torno á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Ademais, o concurso aprobado inclúe a monitorización “en todo momento” das contas das redes sociais da Consellería de Economía e as conversas cos usuarios, así como proxectar os temas de interese e resolver cuestións ou controversias que poidan xurdir entre os usuarios. O orzamento será de 3.950.000 euros divididos en dúas anualidades de 1.975.000 euros en 2019 e outro tanto en 2020.  Polo que, este departamento terá que gastar case dous millóns de euros nos vindeiros cinco meses e os outros dous no 2020, ano electoral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta