Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2025 | Actualizada ás 10:58
A segunda votación para elixir a Concepción Pombo directora xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) fracasou este martes no Parlamento galego ao non apoiala ningún grupo da oposición, polo que non se alcanzou o mínimo de 45 deputados --tres quintas partes-- requirido.
En concreto, obtivo 39 votos a favor, unicamente do Partido Popular. A elección de Pombo irá así a unha terceira votación no próximo pleno --previsiblemente, o 8 de xullo--, na que xa só necesitará alcanzar a maioría absoluta --38 deputados--, polo que será suficiente co PP, grupo promotor da súa candidatura.
A votación celebrouse en urna ao comezo do pleno e non houbo debate. Os deputados desfilaron a depositar a súa papeleta por orde alfabética, a partir da popular Encarnación Amigo e finalizando polos membros da Mesa da Cámara. O presidente, Miguel Santalices, foi o último en votar.
Posteriormente, os cinco integrantes da Mesa abriron a urna para realizar o reconto dos 72 votos emitidos. O resultado, anunciado por Santalices, foi de 39 votos a favor, mentres que os outros 33, considerados "en contra", foron dos deputados do BNG, PSdeG e Democracia Ourensá, que deixaron a papeleta sen marcar.
NOVA LEI
A designación de Concepción Pombo como candidata a dirixir a CRTVG, que en virtude da nova lei pasará a chamarse Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, S.A. (CSAG), foi aprobada a súa candidatura en solitario polo PP na Comisión de control dos medios públicos.
A nova lei cambiou o sistema de maiorías para a elección deste cargo. No pleno pasado, o 10 de xuño, celebrouse a primeira votación e requiríase dous terzos do hemiciclo --50 votos--. Nesta segunda eran necesarios tres quintos --45-- e na terceira xa só requirirase maioría absoluta --38--.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.