Vehículo eléctrico, un cambio de longo percorrido

A transición teconolóxica cara os vehículos eléctricos será longa. Haberá que facer cambios profundos dentro dos modelos produtivos da industria do motor. En Galicia máis de 20.000 empregos poderían verse afectados por ditos cambios. Mentres, os coche eléctricos van ocupando terreo paseniñamente.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/08/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O máis acelerado desenvolvemento tecnolóxico permitiu que os vehículos con motor de explosión interna (gasolina e diesel) eliminaran do mercado os coches eléctricos. Isto aconteceu a finais do século XIX e comezos do XX. A industria do petróleo empurrou moi forte e a expansión da mesma foi clave para o desenvolvemento tecnolóxico en moitos aspectos, non só o do automóbil.

Coche autopilotado Tesla
Coche autopilotado Tesla | Fonte: autopista.es

As altas taxas de polución por CO2, o risco de baleirado dos actuais pozos de petróleo, as novas políticas enerxéticas para frear o quencemento global, a aposta por novas tecnoloxías desde sectores empresariais innovadores, volveron tomar a vella idea do vehículo eléctrico. E a industria e os consumidores, como ven este cambio no motor?

INDUSTRIA

A Asociación Española de Fabricantes de Camiones y Automóviles (Anfac) reúne  baixo o seu paraugas a case todas as grandes marcas de fabricantes instaladas en España. Serían o primeiro sector en sentir os cambios cara os motores eléctricos dentro dunha industria que só en Galicia, segundo datos do Clúster de Automoción de Galicia (Ceaga), mantén 22.300 postos de traballo directos.

En 2050 as emisións de carbono en Europa deberán estar en niveis que non supoñan un risco de cara o incremento de temperatura global. Está previsto que, segundo o documento da UE Unha economía baixa en carbono en 2050, as emisións de CO2 estean reducias a mínimos. Aí é onde entra en parte a proliferación do vehículo eléctrico. Mais para chegar a el, é preciso un período de adaptación e de transición.

O XEV, prototipo de coche eléctrico de Xero
O XEV, prototipo de coche eléctrico de Xero | Fonte: www.xerotechco.com

“Haberá un proceso de convivencia entre motores térmicos de baixas emisións, ben diésel ou gasolina, e motores de enerxías alternativas (eléctricos, gas natural, hidróxeno, etc.) que serán clave para cumprir cos estándares de calidade do aire e de emisións que se están a impoñer dentro do espazo europeo” din desde Anfac.

Non obstante, este período de transición tamén implica a creación ou remodelación das actuais plantas ou fábricas de automóbil. “As actuais fábricas estanse adaptando ás demandas do mercado e tamén á ensamblaxe de baterías dentro da cadea de produción” sinala Anfac. A empresa Tesla desenvolveu a súa sección de vehículos eléctricos nunhas instalacións anteriormente de General Motors en California. A reciclaxe das factorías actuais sería por tanto, posible se se dan as condicións necesarias.

Por outra parte, un dato positivo é que a fabricación dos motores eléctricos precisa de menos compoñentes para a súa ensamblaxe “mais os fabricantes aínda están en fase de crecemento e aprendizaxe” sinala Anfac. Os cambios tecnolóxicos tamén poden influír no deseño e desenvolvemento de novos materiais para as estruturas dos enxeños.

Desde o Real Club del Automóbil de España (Race) sinalan que “para definir cales son os vehículos máis eficientes desde o punto de vista ambiental, o óptimo é que as administracións teñan unicamente en conta as emisións contaminantes de cada unidade, independentemente da tecnoloxía que empreguen os fabricantes para conseguilo, o que se coñece co principio de “neutralidade tecnolóxica”. É dicir, deben apoiarse os vehículos máis eficientes, non as tecnoloxías en concreto”.

ESTADO ACTUAL

O número de electrolineiras, ou puntos de carga para baterías de vehículos eléctricos, é moi reducido aínda. “Falta unha infraestrutura máis ampla, porque ir desde Galicia a Madrid en coche eléctrico é case imposible, mentres que xa están montando unha ruta que vai de Lisboa ao Norte de Europa” di Suso Castro da Fepac. Por outra parte, os sistemas de almacenaxe para a electricidade, as baterías, son fabricadas con litio, que moitas veces ten as súas maiores reservas en países en vías de desenvolvemento (República de Bolivia). 

“Ese é outro problema, onde está esa materia prima. Agora mesmo estase estudando os posibles problemas das baterías que se retiren, pois tamén crean residuos, aínda así, parece que está en vías de solución” apunta Castro. Por outra parte, desde a Faepac ven con certo escepticismo a posición dos fabricantes de automóbiles de cara facilitaren a introdución do motor eléctrico. “Tesla puido entrar no mercado porque non fabrica coches gasolina ou diésel, porque a infraestrutura que necesitaría sería moi grande”.

Para o Race “o auténtico problema e que non queren abordar desde as administracións é que hai coches moi antigos en circulación. Teñamos en conta que un vehículo de hai 20 anos contamina como 36 novos. Un dato que reflicte este feito é que o 10% do parque en circulación, aquel máis antigo, xera o 40% das emisións contaminantes derivadas do tráfico”.

A industria é consciente de que a creación de acumuladores ou baterías máis potentes é, hoxe por hoxe, un dos principais problemas, ademais do “uso de materiais que permitan unha reciclaxe doada, fiel ao compromiso co medio ambiente” sinala Anfac.

CUSTE

“O coche eléctrico agora mesmo é caro” di Suso Castro. “Con todo as vantaxes que pode ter sobre un de combustión interna son unha maior aceleración ou que ten máis cabalos de potencia”. Mais a cuestión é que os prezos, polo momento, son máis elevados que os dun vehículo convenional.

A industria considera que a competitividade para o motor eléctrico pasa por fixar unha serie de medidas fiscais e regulatorias “mediante a redución do IVE para a súa compra ou impulsar o desenvolvemento de estación de recarga”. Anfac apunta ademais que “durante o pasado ano houbo 87.782 matriculacións deste tipo de vehículos, case doce mil eléctricos puros ou híbridos conectables, mais representa menos do 1% do total de matriculacións en 2018”.

Mais insisten que “se se impulsan plans de axuda, posiblemente en 2020 o coche eléctrico chegue a unha cota de mercado de 2,5%”. Sobre os prezos da recarga de baterías, Anfac sinala que “depende das tarifas de consumo enerxético, mais actualmente pode andar sobre un gasto mensual de 9 e 30 euros, é máis barata en comparación co  prezo da gasolina ou diésel”.

Existen axudas para a compra de eléctricos? Desde a Xunta de Galicia, a Consellería de Industria menciona o Plan Moves pensado para incrementar a adquisición de vehículos con tecnoloxía eléctricas ou híbridas. “O Plan Moves conta con preto de 2,6 millóns de euros para a súa execución, proxectando a compra de 500 vehículos eléctricos ou alternativos”. Segundo as estimacións da Administración, “este Plan mobilizará 11 millóns de euros na Comunidade, creando ou mantendo arredor de 90 empregos”.


CONCLUSIÓNS

“Ninguén pode permanecer indiferente ao dato de que, se un condutor realiza unha condución ecolóxica, terá un aforro medio dun 15% en carburante, coa consecuente diminución das emisións” sinalan desde o Race. Por tanto, é moi factible que, de dárense maiores implicacións das administracións, o coche eléctrico aumente a súa presenza nas vindeiras décadas. Con todo, a convivencia cos vehículos de combustión interna será polo menos, prolongada.

O investimento tecnolóxico vai ser importante para a indutria da automoción. Se xa hai marcas coma Tesla adicadas só ao eléctrico, as marcas de combustión interna non queren perder mercado ou ver como pechan. Por iso, tal e como aseguran desde Anfac, Race e organizacións vinculadas aos consumidores, a convivencia entre dous modelos enerxéticos para vehículos será longa.

Por outra parte, se se cumpren as previsións para 2050, o número de emisións de CO2 tería que verse reducido drasticamente en Europa. Aínda así, as futuras electrolineiras terían que consumir enerxía procedente de fontes tamén limpas, o que trae ademais un cambio de modelo para a produción enerxética dentro da UE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta