Máis de 400.000 euros para programas de promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero

Para optar a estas subvencións, as organizacións deberán estar legalmente constituídas con dous anos de antelación e inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Fornecedoras de Servizos Sociais (RUEOPSS).

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2019 | Actualizada ás 13:11

Comparte esta noticia

A Xunta destinará 457.068 euros a "programas de interese xeral para fins de carácter social" dirixidos á promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF).

Segundo informou o Goberno galego nun comunicado este xoves, as axudas están destinadas a "entidades do terceiro sector de acción social sen ánimo de lucro" e á Cruz Vermella, cunha contía máxima para cada organismo de 85.000 euros.

Desta maneira, para optar a estas subvencións, as organizacións deberán estar legalmente constituídas con dous anos de antelación e inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Fornecedoras de Servizos Sociais (RUEOPSS) da Xunta, carecer de ánimo de lucro e ter o seu domicilio social ou delegación na comunidade galega, entre outros.

As entidades, informou o Executivo autonómico, teñen un mes de prazo para presentar estas solicitudes e desenvolver os programas en 2020. O obxectivo das actuacións radica en "fomentar a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres", así como "eliminar os estereotipos de xénero que produzan desvantaxes para as mulleres" no ámbito laboral, social, persoal, económico, político e cultural, segundo destacou a Xunta.

Ademais, explicou que entre o tipo de actuacións a subvencionar, enmárcanse actividades de acollida, atención e asesoramento a mulleres en situación de vulnerabilidade; programas de formación a mulleres do medio rural; programas de conciliación para mulleres en situación de vulnerabilidade e actividades de empoderamiento, entre outras.

Manifestación en Vigo pola igualdade
Manifestación en Vigo pola igualdade | Fonte: Miguel Núñez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta