Por Europa Press / Redacción | Ávila | 31/08/2019 | Actualizada ás 14:01
O presidente do PP, Pablo Casado, rexeitou a "fusión de municipios", algo que recoñeceu que é "legal" pero que produce "desarraigamento", para incidir en que o importante é ser "máis eficientes no gasto" e "evitar duplicidades" e así dar "mellores servizos" ao mundo rural.
Así o sinalou durante a súa visita á localidade abulense de Las Navas del Marqués que o luns quedou alagado polas treboadas rexistradas na zona. Curiosamente, o Partido Popular de Galicia é un dos grandes defensores da fusión dos concellos tras impulsar a de Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade.
Neste marco, o presidente dos populares, subliñou o carácter "municipalista" da súa formación e rexeitou a fórmula de "fusión de municipios", que "xa se pode facer legalmente", matizou, pero que, na súa opinión produce "desarraigamento".
"De nada serviría fusionar municipios pequenos que non teñen orzamento e cuxos servizos básicos son prestados pola Deputación que é quen mellor mancomuna eses servizos, porque non se produciría aforro e si certo desarraigamento porque moitos veciños ven no seu municipio un cemiterio, que é onde están enterrados os seus pais, ou unha escola pequena onde queren que volven os seus fillos", explicou.
Neste punto, Casado mantivo a súa defensa das Deputacións provinciais porque son "quen mellor fan todo isto". "Cando pasa algo como as inundacións desta semana nas Navas son estas institucións as que tramitan todo o necesario para traer aquí a maquinaria, quen tramitan axudas e fan uso das súas competencias", explicou para concluír a súa intervención insistindo en que o que hai que evitar son as "duplicidades e ineficiencias no gasto" e si "eficacia na xestión" tal e como o PP acreditou "moitos anos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.