O camiño do corazón

A exploración emocional de Gabriel Rei-Doval chega, nesta trixésimo segunda entrega de 'Viaxes sen Lee', ás illas do Estado de Washington próximas a Seattle.

Por Gabriel Rei-Doval | Langley, Whidbey Island (Washington, USA) | 24/09/2019 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

Os últimos días en Seattle con Chuck e Rob fixéranme senti-la necesidade de afastarme de tan inspiradora cidade. Ás veces cómpre tomar distancia antes de voltar a lugares e persoas coñecidas. A exposición, mesmo en ausencia, a tanta ira estadounidense fixera xira-la miña mente coma roda de muíño insular, e cumpría volver ó camiño con corazón con que iniciara a viaxe.

Na protección totémica de Seawall Park, en Langley
Na protección totémica de Seawall Park, en Langley

A mañá seguinte saín de Lynnwood e, en lugar de volver a Seattle, decidín toma-lo ferry -ou, como diriamos en mugardés, colle-la lanchaa Whidbey Island. Algo me seguía empurrando á exposición norteña, coma vello Simbad que, abandonando temporalmente a fermosura de Seattle, volvía á inspiradora illa cotovía de Whidbey.

A saída temperá desde Mukilteo foi gris, fresca e sen o neboeiro que acostuma regalar moitas mañás estivais da Ferrolterra. Logo Auris levoume ata o Seawall Park de Langley. Alí dous impresionantes tótems protexían o acceso á praia, ou se cadra eran os habitantes de Langley os que ficaban protexidos polas enerxías totémicas.

Desde a praia camiñei cara ó peirao de barcos turísticos, onde as restricións me fixeron buscar alternativas na procura das Cotovías. Cando na vida xorden vieiros restrinxidos toca tomar ronseis máis abertos e receptivos. Así cheguei ó centro de Langley, vila tranquila onde a sombra do aire na herba espallaba alimentación biolóxica. Un lugar acaído para o retiro creativo, con aroma a péxego maduro e sutil equilibrio enerxético.

Deixei que os meus ósos procurasen o amor total atravesado pola paz absoluta. E xurdiu a escultura de Dexter convidándome a aperta-lo outono ocre e verde con que a nai natureza iniciara a semana. Semellaba un camiño con corazón, gobernado na súa circularidade polo Grande Espírito a manifestarse en días impares fervendo a gallarón, sen atender máis lei ca a dunha natureza insular norteña, imprevisible, misteriosa.

Sedíame eu coma Sinbad en Coupeville
Sedíame eu coma Sinbad en Coupeville

Como e por que pasamos, sen solución de continuidade, da liberdade sen ira ó camiño con corazón semellaba un misterio transportado en nao insular de Melinde. Ás veces parecería que as cousas importantes da vida carecesen de razón ou camiño claro e dereito. Cando xorden, amigo Sari, pouco máis podemos ca aceptalas na orde en que aparecen, coa única intervención de sabermos cales son válidas na ruta liberadora e con corazón.

From where the sun now stands I will fight no more forever, concluíra Chief Joseph no discurso de rendición trala batalla de Bear Paw. Había cento catorce anos que o xefe dos Nez Perce finara na Reserva Collville ó leste de Seattle, co corazón roto tras loitar pola liberdade do seu pobo e tendo asumido que, de continuar na súa afouteza, non quedaría alma en pé por quen pelexar. Cando un batalla durante tanto tempo ás veces chega o momento de renderse, mesmo se o contrario acaba levando a notoriedade. 

A ruta da rendición é tamén un camiño con corazón, sobre todo cando os principios seguen adiante en accións diferentes. O sol ilumina o noso camiño, ben coa calor que amolece o corazón ben cos raios que apuntan na dirección seguinte. Mentres Chief Joseph decidira non pelexar máis, Rob parecía ter iniciado unha longa e escura batalla na metade da súa vida sen importárenlle as consecuencias e Chuck ignoraba como xestiona-lo conflito inminente.

Os oráculos das Cotovías parecían indicar naquel final de setembro a necesidade de continua-lo desvío insular antes de retoma-lo camiño. Era xa outono en Widbey Island, e meteoro apuntaba ó camiño con corazón da iniciática Ruta 101 cara á que, sen me decatar, saíra en agosto no meu devalar de vagariño. Ás veces, as accións van por diante dos pensamentos, sobre todo cando operamos gobernados por unha determinación inflexible

Aquel mércores tomei conciencia de estar na ruta marítima de Sinbad. Os azares diversos de Pike desviáranme en múltiples direccións antes de retornar ó vieiro principal, o inescusable camiño con corazón iniciado en Wisconsin, que me levaría, golpe a golpe, verso a verso, ata o Camiño Real do Pacífico.

A paz atravesa o corazón en Langley (Whidbey Island)
A paz atravesa o corazón en Langley (Whidbey Island)
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA