O PPdeG considera a estreleira un "símbolo político" que non pode ter cabida en campos de fútbol

Pola súa banda, a oposición condena prohibir símbolos nacionalistas en estadios galegos, tal e como fixo o Pontevedra C.F.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/09/2019 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

A oposición condenou este mércores na Comisión Institucional, de Administración Xeral, Interior e Xustiza do Parlamento de Galicia que se prohiba a entrada de símbolos identitarios galegos en estadios deportivos de Galicia e, concretamente, no Estadio Municipal de Pasarón, en Pontevedra.

A bandeira coa estrela vermella nun partido da selección galega.
A bandeira coa estrela vermella nun partido da selección galega.

Esta cuestión debateuse por mor dunha proposición non de lei do BNG -apoiada por PSdeG, Grupo Común da Esquerda e Grupo Mixto de En Marea - para instar á Cámara galega a condenar estas prohibicións, unha iniciativa que foi rexeitada pola maioría absoluta do PPdeG.

O parlamentario 'popular' Jacobo Moreira xustificou a posición do seu partido argumentando que "poucas actividades como o deporte teñen a capacidade de xuntar á xente ao redor daquilo que a une, máis aló de divisións raciais, relixiosas ou políticas", polo que os símbolos políticos "non teñen cabida en espazos onde se desenvolvan espectáculos deportivos".

"Se certos clubs requisan certas bandeiras, algunha motivación haberá, non son decisións arbitrarias", proseguiu Moreira, quen entende que "se o Pontevedra C.F. decide que non pode entrar unha bandeira cunha estrela vermella non o fai porque sexa perigosa, senón que o fai en función dos datos que manexa".

AFECCIONADOS "MASAS DIFÍCILES DE XESTIONAR"

Por último, o deputado do PPdeG sinalou que os afeccionados deportivos "son masas de xente difíciles de xestionar, sobre todo cando ven condicionados por factores externos" e que "na pirámide de prioridades, a protección dos espectadores está na base, é o principal".

O relator da proposición non de lei, o parlamentario do BNG Luís Bará, lembrou que a Lei 19/2007 contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte "non dá ningunha atribución aos clubs deportivos para prohibir nada". "Vostede pode facer o maior canto ao deporte como elemento de cohesión, pero non pode acompañalo cunha agresión á democracia: a democracia é moito máis grande que o deporte", engadiu.

Luís Bará fixo fincapé en que no Manual sobre Simboloxía no Deporte da Comisión estatal contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte no que aparecen símbolos prohibidos "aparecen centos de bandeiras fascistas, pero ningunha bandeira nacionalista galega, a 'estreleira' ou o escudo deseñado por Castelao".

LIBERDADES

Pola súa banda, a deputada do PSdeG Patricia Vilán sinalou que a condena desta prohibición "ten que ver coa protección de liberdades públicas e dereitos fundamentais fronte a unha interpretación restritiva e abusiva da lei por parte dunha entidade privada que, como todos os clubs, recibe subvencións públicas".

"Unha bandeira cunha estrela vermella nin é violenta, nin implica xenofobia nin implica intolerancia", insistiu Vilán, quen entende que os clubs "non teñen capacidade para interpretar as normas e decidir se a actitude de determinadas persoas é contraria á lei 11/2007".

Mentres tanto, a parlamentaria do Grupo Común dA Esquerda Carmen Santos lamentou que símbolos "que tanto custou defender e conseguir que se puidesen mostrar" non poidan ser utilizados "aludindo a realidades e a un clima de suposta violencia e crispación que non existe".

Por último, o portavoz do Grupo Mixto, Luís Villares, denunciou "un abuso da potestade sancionadora" á hora de establecer multas ás persoas que portan unha 'estreleira' -a bandeira galega con franxa azul e estrela vermella-, que ademais "é a bandeira oficial de varios partidos e do sindicato maioritario en Galicia, a Confederación Intersindical Galega (CIG)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

4 Viravento

Malia que non comparto o sesgo político da estreleira, e porén o seu uso, paréceme incomprensible a arbitrariedade desta decisión. Seica non se prohíbe en ningún outro eido, logo por que esta si e outras non? Chan esvaradío pisas, amigo Moreira...

3 xivi

O ppdeg, todo un referente para a ciencia e a cultura. Poderíamos describir a Jacobo Moreira como un home adiantado ao seu tempo (o século IV ac)

2 Celtarragona

Se polo PPdG fose ata prohibiría o trisquel celta e a lingua galega, en resumo, todo o que non sexa considerado como "muy mucho español y biba la konstitución yel rey y la guardiacivís!". Hai que traballar o voto da dereita que veñen eleccións e hai 2 colegas máis no mercado (Cs e VOX). O ppdg é unha especie invasora e colonizadora.

1 Pasmao

Me parece perfecto. Resulta insufrible ver la bandera gallega manchada por la asquerosa estrella roja asociada al comunismo, sus genocidios y más de 100 millones de muertos.

1 Alderamin

Totalmente de acordo.O que queira poñelas a nivel pesoal que as poña na sua casa ( se lle deixan os veciños) ou que a colgue da nariz ou millor no cu. Os espazos publicos coma é un estadio de fútbol teñen que estar ceibes de toda politización.

2 Viravento

Discrepo, Alderamin. Os seareiros exercen a libre expresión porque se representan a sí mesmos, son as institucións que xestionan os estadios os que non deben saírse da oficialidade porque representan ao conxunto da cidadanía