Temas: PP PONTEVEDRA LIXO

O PP pide explicacións pola "pésima xestión" do servizo de recollida de lixos en Pontevedra

Os 'populares' recollen as denuncias nas últimas semanas de comerciantes, hostaleiros, turistas e veciños.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2019 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

A concelleira do PP de Pontevedra Pepa Pardo analizou este xoves o "estado de sucidade" da cidade de Pontevedra, denunciado nas últimas semanas por comerciantes, hostaleiros, turistas e veciños. Pardo acusou o goberno local de estar "desaparecido" ao non dar "noticias" nin tampouco "explicacións" e preguntouse que ten que pasar para que o alcalde, o portavoz do PSOE ou o concelleiro encargado da área de lixos dean explicacións aos pontevedreses pola "pésima xestión" e pola "imaxe deplorable que está a dar a cidade".

Traballadores de Cespa
Traballadores de Cespa | Fonte: cespa.es

A concelleira popular pediu unha "mellora inmediata" do servizo de recollida que conte con "colectores limpos, baleiros e sen romper" e con "horarios racionais de recollida que non prexudiquen a hostaleiros e comerciantes".

Os populares reclaman ao goberno local que pida unha reunión coa empresa para "acometer melloras inmediatas". Pepa Pardo, ademais, adiantou que o Partido Popular levará unha moción ao próximo pleno para que o asunto sexa debatido por todos os grupos políticos.

A concelleira repasou os termos do contrato de lixos do Concello de Pontevedra, que foi asinado no ano 1999, e que, ao seu xuízo, está "deteriorado polas continuas prórrogas ordenadas polo BNG". "É un "contrato caducado, que se quedou vello e quen o está pagando son os pontevedreses", indicou.

Para o PP a cidade ten un servizo de recollida de lixos "adaptado a 1999" pero a día de hoxe "Pontevedra cambiou moito".

Para Pepa Pardo, a causa das últimas prórrogas é a compostaxe e reprocha que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, "non parou de dar bandazos e aínda non ten claro que é o que quere facer coa compostaxe e coa planta da Canicouva".

Finalmente, sinalou que para o Partido Popular a compostaxe non é unha prioridade e insistiu en que "por enriba do compost está o benestar dos veciños, hostaleiros e comerciantes de Pontevedra".

Temas: PP PONTEVEDRA LIXO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta