Temas: OURENSE TEATRO

O Festival Internacional de Teatro de Ourense, en perigo tras perder as axudas do Concello

O goberno local retirou a súa achega económica e a compañía Sarabela Teatro tamén perdeu unha axuda de Agadic.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2019 | Actualizada ás 19:27

Comparte esta noticia

A compañía Sarabela Teatro, organizadora do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), advertiu este xoves de que a continuidade do evento "non está garantida nestes momentos", despois de que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, anunciase a retirada dos 40.000 euros de achega económica municipal.

Festival Internacional de Teatro de Ourense
Festival Internacional de Teatro de Ourense | Fonte: DUVI.

O festival enfróntase agora a unha nova fronte, despois de perder tamén a achega de preto de 25.000 euros que Agadic achegaba cada ano na súa convocatoria pública.

En concreto, a Xefatura de Servizos de Cultura do Concello de Ourense, por diversos cambios legais, solicitáralles a cesión temporal da marca FITO co fin de solicitar a subvención, pero presentaron a documentación fóra de prazo.

Así o explicou a directora do Festival, Sabela Gago, para informar da situación actual do evento, que terá que reformularse ante a perda de varias axudas económicas. "Para que o FITO chegue a cumprir os seus doce anos, teremos que repensar unha edición do mesmo de menor duración, pero sen baixar os criterios de calidade e excelencia", explicou.

Nestes momentos, Sarabela atópase traballando "diversas frontes" coa intención de "salvar o Festival" desde o convencemento de que "as citas culturais que se perden fano para sempre".

A día de hoxe e a pesar da perda da subvención, xa conta co apoio de Agadic, aínda que cunha achega menor que a resultante da convocatoria pública. Tamén contan coa confirmación de que a Deputación de Ourense manterá a súa achega económica de 20.000 euros, e están pendentes do apoio económico da Universidade de Vigo.

"Desde a súa primeira edición, o FITO viña contando cos apoios imprescindibles do Concello e a Deputación de Ourense, así como da Xunta de Galicia, por tanto cada decisión organizativa que se toma parte da responsabilidade que se require cando se traballa con diñeiro público", explicaron.

Nesta liña, Fina Calleja advertiu de que "a inexistencia dunha política cultural non é inocua, senón que responde tamén a unha forma de facer política", desde a "firme convicción" de que o que vén "dilapidando" nos últimos anos non é o "diñeiro público", senón a "identidade de Ourense" como cidade e a "oportunidade de seguir crecendo".

"En 2020, o ano do centenario da Xeración Nós, Ourense recibirá esta cita cun Museo Arqueolóxico pechado, sen Outono Fotográfico, A Bela Auria, Ateneo, Orfeón, o Festival Pórtico do Paraíso e a Casa da Maxia, entre outras", subliñou.

Temas: OURENSE TEATRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta