Gonzalo Caballero: "o PPdeG non ten ningunha opción de revalidar a maioría absoluta"

Para o secretario xeral do PSdeG, Feijóo representa "un proxecto esgotado" que a cidadanía xa coñece e que, ademais, "está farta" dun goberno que "utiliza a Xunta de forma partidista e perversa" en beneficio dos seus intereses.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2019 | Actualizada ás 18:50

Comparte esta noticia

O líder do Partido Socialista de Galicia, Gonzalo Caballero, asegura que a día de hoxe o "PPdeG non ten ningunha opción de revalidar a maioría absoluta" debido ao "nivel de desgaste" do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo.

Con estas palabras, Caballero revelou nunha entrevista en Cadea Ser, a "imposibilidade" dos populares de repetir o resultado electoral das anteriores eleccións autonómicas, xa que, "os tempos de maioría absoluta acabáronse" en Galicia.

A xuízo do socialista, Feijóo representa "un proxecto esgotado" que a cidadanía xa coñece e que, ademais, "está farta" dun goberno que "utiliza a Xunta de forma partidista e perversa" en beneficio dos seus intereses.

En contraposición, o secretario xeral do PSdeG puxo en valor ao seu partido, que está "preparado" para enfrontar "calquera escenario" e a "calquera rival" que se presente como candidato a presidir a Xunta polo PPdeG. Pola súa banda, destaca que a unión dos socialistas co resto de "forzas progresistas" conformarían "un goberno positivo" para Galicia liderado polo PSdeG.

"DEMOCRACIA É ALTERNANCIA"

"Galicia necesita algo distinto" despois de 10 anos baixo o mandato de Feijóo, xa que "a democracia é alternancia". Alude a "un tempo novo" que se abriu cos resultados das eleccións xerais en abril e que foi "ratificado nas europeas e municipais" un mes despois.

Móstrase seguro de que a radiografía do panorama político de 2016 --cando aínda gobernaba Mariano Rajoy mentres o PSOE estaba en crise-- "xa non representa a maioría social de progreso" que existe na Galicia actual, con "o 55% de galegos con alcaldes do PSdeG".

A día de hoxe, "moita cidadanía galega" está "asfixiada" pola actuación do presidente da Xunta de Galicia, di Caballero, á vez que critica que Feijóo deixase "unha Galicia con menos oportunidades de futuro", cun medio rural "abandonado" e cunha "situación na sanidade pública" que é o "maior exemplo desta situación".

ALIADOS

Como solución a estes problemas, Gonzalo Caballero propuxo un proxecto baseado nunhas "prioridades programáticas" concretas, que se centran nunha nova política económica, industrial e de apoio ao I+D+i; medidas para o medio rural que ofrezan equilibrio territorial; o compromiso co desenvolvemento sustentable e políticas sociais e igualdade.

"Ese é o ADN" do partido socialista, garantiu. De todos os xeitos, deixaranse " a pel" para demostralo en confluencia con outras forzas progresistas coas que existe unha "relación fluída na actividade parlamentaria".

Cre que "un gran ámbito" da sociedade aposta polo "cambio" e por iso podería marcarse "un novo tempo" grazas ao traballo conxunto. En concreto, fala de "non perder a oportunidade para Galicia" cun diálogo entre os "nacionalistas, a esquerda, o centro esquerda e centro", xente moderada que tamén é consciente de que Feijóo "perdeu a mesura e a moderación que tiña noutra etapa". Con todo, non se aventura a augurar as posibles coalicións que pode chegar a haber despois da cita electoral autonómica e considera "que é moi pronto para falar de números.

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, en rolda de prensa na sede do Partido Socialista en Santiago.. EUROPA PRESS - Arquivo
Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, en rolda de prensa na sede do Partido Socialista en Santiago.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta