Can come a can

Na tardiña do pasado xoves, Standard and Poor´s decidía rebaixar en dous chanzos a nota do Estado español, até achegarse pasiño a pasiño, a ser considerado un Estado insolvente de facto.

Por Rafael Cuiña | Lalín | 30/04/2012

Comparte esta noticia
A presión dos mercados financeiros sobre a débeda española, fai que a situación torne nunha tormenta perfecta, na que os riscos de non pagamento son cada vez maiores, financiarse é máis caro, e os intereses a pagar son cada día menos asumibles. A destrución do tecido empresaria galego pola falta de circulante, ten como consecuencia un aumento do paro na nosa terra que xa afecta ao 20% da nosa poboación activa, que ademais de ser un termo moi interesante, o que vén a dicir é que 265.000 persoas están desempregadas en Galicia. Para algúns semella non ser unha traxedia, porque o diferencial co Estado é aínda favorable a Galicia. Política de altos voos, como poden observar …
 
A situación está chegando a uns niveis tan dramáticos, que a vella Europa empeza a dar síntomas, -aínda moi leves-, de rebelión contra as políticas de austeridade impulsadas polo eixe franco-xemánico, que están levando á bancarrota a Estados, mentres as políticas de estímulo brillan por unha ausencia inducida por aqueles visionarios da catástrofe. O propio comisario europeo de asuntos económicos, Joaquín Almunia, anteriormente coñecido pola súa militancia socialista, da unha pista do nivel de desorientación do estado das cousas cando afirma tras cinco anos de crise, que a clave está en que Europa teña unha posición común ante ela, deixando en evidencia a perda de tempo na adopción de medidas de estímulo económico, que o propio FMI empeza a criticar en algúns países, cando fala de exceso de recortes en algún deles.
 
Mentres no Estado español, o goberno lexítimo da dereita, prega porque en Francia gañe a contenda presidencial un socialista como Hollande, que poña coto á ambición panxermánica, e que faga virar o rumbo cara outras políticas europeístas progresistas no económico, e solidarias na súa acción co resto dunha economías que vagan por terreos pantanosos difíciles de superar. Claro que sempre podemos atopar políticos tan solidarios como os gobernantes cataláns, que tras deixar a súa terra ao borde do precipicio, reclaman para eles o que corresponde a comunidades máis solventes como a nosa, baixo o pernicioso silencio duns nacionalistas galegos, cuxos complexos de inferioridade ante o “irmán maior” catalán, fan desa omisión indecencia, sendo o proba máis clara, dun necesario novo nacionalismo galego, que defenda sen temor os intereses desta terra.
 
Ou non?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA