Algúns historiadores, e tamén de forma popular, denominárono “Guerra Civil”. Porén, esta é unha denominación inexacta. O bando fascista contou co apoio maioritario das Forzas Armadas e coa colaboración activa da Alemaña nazi e da Italia fascista.
Sería máis axeitado denominala Guerra Antifascista, pois foi, na súa esencia, unha loita entre o avance do fascismo internacional e a defensa dun proxecto democrático representado pola Segunda República. A Guerra Antifascista foi o levantamento heroico dos pobos do Estado español fronte á imposición dunha ditadura militar, clerical e oligárquica. Foi unha loita pola liberdade, a xustiza social e os dereitos das clases populares.
No caso de Galicia, a partir do 20 de xullo de 1936, perpetrouse un auténtico xenocidio. Milleiros de membros do Frente Popular —alcaldes, deputados, sindicalistas, mulleres, anciáns e mesmo nenos— foron asasinados tras falsos xuízos e sen ningunha garantía legal. A día de hoxe, aínda existen persoas desaparecidas e soterradas en gabias e fosas comúns.
A pesar do tempo transcorrido, os delitos de lesa humanidade cometidos durante a ditadura franquista deben seguir sendo investigados. A memoria non prescribe. A Guerra Antifascista foi un exemplo de resistencia digna en defensa da Segunda República e dos valores democráticos.