O alcalde das Pontes pide a Goberno central e Xunta "apoio" para garantir a actividade na central térmica

O delegado do Goberno afirma que Transición Ecolóxica está "a analizar todas as posibilidades".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 09/09/2019 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes de García Rodríguez, Valentín González Formoso, reclamou ao Goberno e á Xunta "apoio" para garantir a actividade na central térmica que a empresa Endesa ten nesta localidade e que leva máis de catro meses paralizada polos custos ambientais que suporía a súa posta en marcha, segundo a súa propietaria.

Valentín González Formoso
Valentín González Formoso | Fonte: Europa Press

Tras unha reunión coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, na institución provincial e preguntado polas expectativas que ten ante a reunión deste martes coa ministra de Transición Ecolóxica en funcións, Teresa Ribera, asegurou que o que espera é "confirmar ese apoio" para a continuidade da actividade.

"Que sexan conscientes de que hai que implicarse nunha solución a un complexo eléctrico que é o máis grande do Estado, que deu de moito emprego ao longo da súa historia e do que dependen 650 familias de forma directa", argumentou.

Formoso incidiu na necesidade de centrarse "noutras alternativas" ante "un combustible en extinción", dixo sobre o carbón. Para iso, insistiu en que se necesita "apoio político a nivel estatal e autonómico".

O GOBERNO ESTUDA "AS POSIBILIDADES"

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, manifestou, en declaracións á Radio Galega, que o Executivo está tamén "moi preocupado" e que está "a mirar todas as posibilidades que hai para axudar a unha empresa que está a facer un investimento inmportante para adecuarse á nova normativa europea con respecto ao carbón".

Ademais, insistiu en que desde o Goberno está "a escoitarse tanto á empresa como aos responsables da zona, neste caso o alcalde das Pontes, para atopar como paliar aqueles aspectos que afectan o carbón e os custos de produción de enerxía".

"Froito do diálogo, estou convencido de que sairán as medidas oportunas, non só para que a empresa produza enerxía en condicións de mercado, senón tamén garantir o futuro nesa zona", apostilou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta