Utilizan contas hackeadas da Xunta para tentar roubar datos persoais de funcionarios

O Amtega di que ten xa controlada a situación.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/07/2025 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

A Xunta foi obxecto dun ataque phishing, un intento de roubo de datos persoais de funcionarios, a través do envío dun correo hackeado da Consellería de Educación.

Traballando nun ordenador
Traballando nun ordenador | Fonte: computador.es - Arquivo

O correo en cuestión aseguraba que, "debido á recente actualización do servidor de ancho de banda do correo da Xunta de Galicia", o administrador do correo web estaba eliminando todas as contas de correo electrónico inactivas ou non utilizadas "que están a conxestionar o noso servidor de ancho de banda do correo web". "Forma parte da nosa política de mantemento, e o seu enderezo de correo electrónico aparece como inactivo no noso servidor de ancho de banda", engadía.

Os piratas informáticos ofrecían un enlace para actualizar os datos e "revalidar a conta de correo electrónica como válida" e indicaban ao conxunto do funcionariado de Educación a seguir unhas instrucións para facelo. Ademais, ameazábanos asegurando que se se negaban a verificar estes datos "dentro das 48 horas posteriores á recepción deste aviso", perderían permanentemente a súa conta de correo .

Fontes da Xunta consultadas por GC confirmaron este ataque pero aseguran que desde a Amtega, o órgano de control cibernético do Goberno galego, xa tiñan controlada a situación. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta