A oposición pide salvar a serra do Oribio fronte ao parque eólico

O PP asegura que é un proxecto "autorizado en 2007" polo bipartito cunha decisión "que non se pode contradicir".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2019 | Actualizada ás 20:42

Comparte esta noticia

Os grupos da oposición no Parlamento galego (PSdeG, Común da Esquerda, BNG e Mixto) uníronse ás reclamacións da plataforma 'Salvemos O Iribio' para demandar un freo ao parque eólico nesta serra do Oribio de Lugo, nos concellos de Samos e de Triacastela.

Serra do Oribio
Serra do Oribio | Fonte: turismo.gal

Pola súa banda, o PP asegurou que é un proxecto "autorizado en 2007", durante o Goberno bipartito de PSOE e Bloque, cunha decisión "que non se pode contradicir". Respecto diso, engadiu que foi tramitado nun momento no que aínda non estaba prohibida a instalación de aeroxeradores en espazos protexidos.

A iniciativa, debatida na xornada do martes do pleno pero que se votará este mércores, partiu do grupo Común da Esqueda, cuxo deputado Antón Sánchez denunciou o "espolio directo" do vento por parte de "amigos do PP", en relación á empresa que proxecta este parque e que o fixo avanzar cunha tramitación administrativa "escandalosa".

Por parte do grupo mixto, Paula Vázquez Verao criticou este "atentado ecolóxico e social", mentres que a socialista Patricia Vilán subliñou que o seu grupo está "totalmente a favor dos parques eólicos" e das "enerxías renovables", pero mostrou a súa oposición á colocación destas instalacións na Rede Natura.

A nacionalista Olalla Rodil, igualmente, subliñou o seu rexeitamento a "a construción de parques eólicos en espazos naturais protexidos de enorme valor".

Por último interveu a popular Marta Nóvoa, quen replicou a Sánchez que a compañía "sería empresa amiga do Goberno bipartito, que foi o que autorizou en 2007 a licenza deste parque", nun momento no que non estaba vetada a instalación de parques en espazos protexidos.

Ademais, argumentou que a Xunta se mantén "vixiante" con este proxecto, como con "todos", para que se cumpran "todos os requirimentos" e que conte con "todos os informes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta