Ferrol destina máis de 100.000 euros para financiar actividades extraescolares de centros públicos

Por outra banda, a reunión semanal do executivo ferrolán aprobou a licitación por 257.000 euros da dirección de obra da primeira fase da Cidade do Deporte, na que o Concello e a Xunta, a través da Consellería de Deporte, investirá seis millóns de euros

Por E.P. | Ferrol | 15/07/2025 | Actualizada ás 16:40

Comparte esta noticia

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, anunciou este martes, tras a xunta de goberno local, a adxudicación por 110.000 euros do servizo de actividades extraescolares gratuítas do dez centros públicos da cidade. O contrato ten vixencia por un curso, pero pode ser prorrogado outros dous.

A empresa elixida porá en marcha unha app con toda a información diaria das actividades, incluídas prazas vacantes e asistencia, e ademais organizará un festival de fin de curso. Este servizo levaba desde 2018 sen contrato.

Por outra banda, a reunión semanal do executivo ferrolán aprobou a licitación por 257.000 euros da dirección de obra da primeira fase da Cidade do Deporte, na que o Concello e a Xunta, a través da Consellería de Deporte, investirá seis millóns de euros.

A Cidade do Deporte é, xunto con Abrir Ferrol ao mar, o proxecto estrela do presente mandato e pretende "corrixir o illamento do recinto de FIMO xerando un gran parque aberto que una o pavillón co estadio da Malata". O obxectivo é que as obras poidan comezar no último trimestre do presente ano.

Tamén se licita a reforma integral da praza de Rosalía, no barrio de San Xoán-Bertón, por preto de 950.000 euros. Actuarase en todo o espazo, de 2.300 metros cadrados de superficie, creando un novo parque infantil e apostando polo "tránsito peonil accesible" desde todo o perímetro da praza.

Ademais, deuse o visto e prace á firma de 11 convenios con diferentes entidades sociais para que poidan desenvolver os seus programas. O importe conxunto ascende a 124.000 euros. As máis cuantiosas destínanse á Fundación Santo Hospital de Caridade (45.000) para a atención de persoas sen fogar, e a Teima Down (40.000).

Por último, o alcalde anunciou que a orquestra Panorama City será a encargada de pór o colofón ás festas de verán, o día 31 de agosto tras os fogos artificiais.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, en rolda de prensa
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, en rolda de prensa | Fonte: CONCELLO DE FERROL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta