Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2025 | Actualizada ás 18:10
A deputada do BNG no Parlamento galego Olalla Rodil demandou ao Goberno galego propostas "concretas" para favorecer a seguridade das profesionais que traballan no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), na Comisión do Parlamento galego celebrada este xoves. Nela, o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, manifestou que a Xunta se ofrece a participar e colaborar coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
Este asunto tratouse tras o asasinato no Porriño de Teresa de Jesús Rodríguez González, a traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de 48 anos asasinada, presuntamente, polo marido da muller que atendía. O director xeral incidiu en que por parte da Xunta existe o compromiso de "mellorar" as condicións de traballo do sector e que, por iso, hai un "incremento de partidas". Mentres, dixo que desde a Fegamp trasladóuselles que "querían facer ese protocolo, nós imos participar", sentenciou para remarcar o investimento autonómico destinada ao servizo.
"Será no marco da Fegamp onde se traballe nun protocolo de seguridade para as traballadoras, por parte da Xunta hai total compromiso", insistiu en relación a un servizo que presta atención a uns 23.000 galegos e galegas. Todo iso nunha intervención con demandas ao Estado para que achegue o financiamento correspondente pola súa banda. "Faltan protocolos de intervención", aseverou a deputada nacionalista quen denunciou que non se atendesen as solicitudes do BNG a este respecto no Parlamento galego. Tamén cuestionou que se trate dun sector "cun convenio colectivo caducado desde 2012". "Só escoito evasivas e que están dispostos a traballar nese grupo de traballo, palabras baleiras, cheas de boas intencións pero iso non protexe", recalcou.
MIR E ESCOLAS INFANTÍS
Na mesma comisión, abordouse, nunha iniciativa do PP, a valoración da Xunta das prazas MIR na especialidade de urxencias e emerxencias asignadas a Galicia na oferta de formación sanitaria especializada de 2025-2026. O xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa, cuestionou o "número de prazas limitado" e que non se desen, dixo, argumentos por parte do Goberno central. Todo iso nunha intervención na que os populares rexeitaron "improvisación" nesta materia.
Tamén interveu o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, quen lembrou o inicio este venres do curso escolar en todas as escolas infantís públicas de Galicia e incidiu en que o obxectivo da Xunta é que a comunidade lidere por cuarto curso consecutivo a escolarización na etapa 0-3 anos. Foi na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego da Cámara galega, na que a deputada socialista, Silvia Longueira, considerou que existe "propaganda" por parte do PP para ocultar, sostivo, "unha rede mixta desequilibrada". "Non se incrementou de maneira suficiente a rede pública", aseverou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.