Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2025 | Actualizada ás 13:59
A Xunta outorgou a autorización ambiental integrada (AAI) ao proxecto da empresa Granja Campomayor, que quere desenvolver para a construción dunha explotación de cría de preto de 130.000 galiñas na parroquia de Santa María de Puxeda, no Concello de Palas de Rei.
Tal e como trasladou o Goberno galego nunha nota de prensa a resolución emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade foi publicada este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG), de maneira que o expediente volverá ao órgano substantivo, encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia.
Nesta liña, encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento das esixencias ambientais recollidas tanto nos informes sectoriais como na propia declaración de impacto ambiental (DIA) e no plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto.
Así, avánzase na tramitación da iniciativa empresarial para implantar unha granxa de cría de galiñas con capacidade para 129.360 prazas, para a que se construirán distintos espazos como unha nave, unha estercoleira e outras instalacións auxiliares.
A Xunta lembrou que este trámite se completa despois de que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático emitise a DIA favorable, condicionada ao cumprimento das esixencias recollidas tanto nos distintos informes sectoriais emitidos sobre o seu impacto como na propia DIA co fin de "minimizar e compensar os posibles efectos na contorna".
No entanto, a culminación dos trámites ambientais e as correspondentes resolucións favorables "non eximen ao promotor da obrigación de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que sexan legalmente esixibles" para a execución e funcionamento do proxecto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.