A Xunta defende unha única facultade de Medicina en Galicia con docencia descentralizada

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reafirmou este xoves a posición do goberno galego de manter unha única facultade de Medicina, con docencia descentralizada en Vigo e A Coruña e apelou a "deixar á xente que está a traballar", á vez que pediu afastar este debate "do terreo emocional" para levalo á "racionalidade".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/09/2025 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reafirmou este xoves a postura da Xunta de manter unha única facultade de Medicina en Galicia, con docencia descentralizada en Vigo e A Coruña. Durante a súa visita á sede do Plan Comunitario de Teis, en Vigo, apelou a afastar o debate do terreo emocional e local, e leváloo á "racionalidade" para garantir o mellor para os estudantes e o sistema sanitario galego.

Visita do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ao Plan Comunitario de Teis, en Vigo, a 4 de setembro de 2025.
Visita do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, ao Plan Comunitario de Teis, en Vigo, a 4 de setembro de 2025. | Fonte: Europa Press

Gómez Caamaño pediu deixar que o grupo de traballo creado para abordar a cuestión avance con calma, asegurando que os representantes das universidades, dos médicos e dos hospitais deben ser quen atopen unha solución. Recoñeceu que a decisión final recae na Xunta, pero mostrouse optimista sobre a posibilidade de alcanzar un acordo no que todos os intereses estean representados. O conselleiro tamén destacou que confía en que, se prevalece o sentido común, será posible manter unha facultade única con docencia descentralizada, e insistiu en que o acordo de 2015 segue sendo viable, só precisando desenvolvelo de forma adecuada para adaptarse ás necesidades actuais.

CABALLERO ARREMETE CONTRA CAAMAÑO

Ante estas declaracións, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este xoves contra o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a quen volveu acusar de "dicir non" a unha facultade de Medicina para a cidade olívica e de rexeitar tamén a posibilidade de que a cidade acolla probas MIR. En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico afeou que non aproveitase a súa presenza na cidade para mostrar o seu apoio á facultade de Medicina porque, segundo Caballero, "é un gran contrario para que Vigo teña facultade de Medicina".

"Segue estando na primeira metade do século XX e no século XIX, e cre que a única Facultade de Medicina ten que ser a de Santiago. Como sempre, traballando para Santiago a Xunta de Galicia e en contra de Vigo", proclamou. Ademais, denunciou que Gómez Caamaño "quedou calado e non defendeu a Vigo" cando se expuxo que a cidade queda fóra dos exames MIR. "Quedou calado. Por que? Porque el quere que sexa de Santiago. Quere que alí sexa a única Facultade de Medicina e quere que alí sexan os exames MIR prexudicando á xente de Vigo", constatou e engadiu: "Para que queremos a este conselleiro e para que queremos isto?".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta