A apertura do curso universitario en Galicia combina institucionalidade e reivindicación

Rueda insiste na unidade do sistema universitario, o reitor da USC pide entendemento e o Consello do Estudantado reclama cambios ambientais e sociais.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/09/2025 | Actualizada ás 20:08

Comparte esta noticia

O Pazo de Fonseca de Santiago acolleu este xoves a inauguración oficial do curso universitario en Galicia, nun acto marcado pola chamada á “lealdade institucional” entre as tres universidades galegas e polas reivindicacións sociais e políticas. No Salón Nobre, ante centos de asistentes, interviñeron o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, os reitores Manuel Reigosa (Vigo), Antonio López (Santiago) e Ricardo Cao (A Coruña), ademais doutras autoridades como a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, e o delegado do Goberno, Pedro Branco.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto cos reitores das universidades de Santiago, Antonio López; A Coruña, Ricardo Cao; e Vigo, Manuel Reigosa, na inauguración do curso 2025/26 en Galicia.. XUNTA / Europa Press
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto cos reitores das universidades de Santiago, Antonio López; A Coruña, Ricardo Cao; e Vigo, Manuel Reigosa, na inauguración do curso 2025/26 en Galicia.. XUNTA / Europa Press

No seu discurso, Rueda puxo en valor o sistema universitario galego, “consolidado e plural”, pero advertiu de que os retos só se poden afrontar con colaboración. Sen citar directamente o conflito polo grao de Medicamento, apelou a remar “todos na mesma dirección” e anunciou que o próximo plan de financiamento plurianual (2027-2031) contará con máis recursos para avanzar cara ao 1% do PIB destinado ás universidades.

Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López, defendeu a autonomía das institucións académicas e instou a buscar un “entendemento” entre elas, recoñecendo como “lícito” que cada unha defenda os seus intereses. Sinalou retos como a crise demográfica, que reduce o número de estudantes, ou a conservación de edificios históricos, e lembrou os 530 anos de historia da universidade compostelá.

O ton máis reivindicativo veu do Consello do Estudantado, cuxo presidente, Andrés Couso, pediu o “fin do xenocidio” en Gaza, criticou proxectos industriais “ultracontaminantes” como Altri ou a mina de Touro, e reclamou solucións para a crise da vivenda, melloras no financiamento universitario e un Consello Galego de Estudantado. O acto pechouse coa lección maxistral sobre “Muller e esfera pública no século XIX”, a cargo do profesor Xosé Ramón Veiga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta