O PPdeG defende a actuación de Rueda sinalando a Touriño: "Un estivo ao pé do canón e outro, en 2006, seguiu de vacacións"

"Todo o mundo que traballa ten acertos e erros, e a Xunta tamén os ten porque traballou", afirmou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 04/09/2025 | Actualizada ás 16:06

Comparte esta noticia

O PPdeG reafirmou este xoves o seu apoio á xestión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na medida en que "supón a constatación de que Galicia goberna" e permite que a comunidade teña "unha posición de liderado" tanto "cando hai unha situación extraordinaria", como a recente vaga de incendios, como "cando hai que xestionar e propor novas medidas" ou "cando se trata de escribir o futuro" de Galicia.

Así o manifestou a secretaria xeral do partido, Paula Prado, nunha rolda de prensa ofrecida este xoves, na que diferenciou a actitude de Rueda da que, ao seu xuízo, mantivo o expresidente Emilio Pérez Touriño na crise incendiaria de 2006. Esa diferente actitude, ao seu xuízo, xustifica que os populares, entón na oposición, pedisen a renuncia do socialista. "O presidente Rueda estivo ao pé do canón desde o minuto cero, no centro de coordinación, cos afectados, co dispositivo, coa organización e a coordinación", reivindicou, antes de engadir que, "se mal" non lembra, Touriño, en 2006, "estaba de vacacións e seguiu de vacacións".

Máis comedida mostrouse ao ser preguntada acerca de se debería haber cambios na Consellería do Medio Rural, que dirixe María José Gómez, dado que incidiu que é necesario analizar o ocorrido para tratar de mellorar. Así, concluíu que hai que analizar se a estrutura do Goberno é "axeitada" para enfrontarse a esta "nova situación de incendios". "Primeiro hai que analizar as causas e despois tomar decisións en todos os ámbitos, porque das catástrofes hai que sacar conclusións", esgrimiu, aínda que resaltou a excepcionalidade dos incendios "de sexta xeración" que afectaron a Galicia.

"UNHA SITUACIÓN EXTRAORDINARIA"

Na súa intervención, Prado referiuse de forma reiterada á vaga de incendios sufrida este verán como "unha situación extraordinaria". Unha situación á que o Goberno galego deu "unha resposta que tamén foi extraordinaria pondo en marcha o maior dispositivo da historia de Galicia, con axudas completas e rápidas e cun equipo e un presidente, Alfonso Rueda, que estiveron onde debían estar". "Todo o mundo que traballa ten acertos e erros, e a Xunta tamén os ten porque traballou", engadiu, á vez que salientou que na comparecencia parlamentaria do presidente Rueda a próxima semana "verase quen trae propostas útiles e un discurso construtivo, e quen vén unicamente con dogmas de fe e consignas aderezadas co seu tradicional discurso apocalíptico e catastrofista".

Prado criticou con dureza que, "como ocorre sempre", a oposición "xa tiña escritas as súas conclusións, os seus ataques e os seus insultos á intelixencia dos galegos antes de que empezase a vaga de lumes". Só así se entende, na súa opinión, que "primeiro pediron unha comparecencia e, como a van a ter, agora xa pasaron ao capítulo de petición de dimisión". "No seu dicionario hai tres palabras que se repiten constantemente cando falan da Xunta ou do PP: 'non', 'manifestación' e 'dimisión'", concluíu, lamentando que "con iso pretenden arranxar todo sen necesidade de analizar cada situación" e afirmando que, "en política, é fácil diferenciar entre quen quere buscar solucións e quen só pretende enredar".

Sobre se o PPdeG apoiará unha comisión de investigación na Cámara galega, replicou que os populares analizarán a situación e adoptarán as decisións que vexan "mellores" para evitar que no futuro se poida repetir unha situación como a do pasado agosto. "En 2017 xa houbo unha comisión de estudo que acabou cun ditame de conclusións que están cumpridas en máis dun 80 %. Por tanto, faremos reflexións, escoitaremos aos expertos e escoitaremos opinións", alegou, antes de rexeitar "a crítica pola crítica" ou limitarse a "pedir dimisións". "Porque non sabemos tampouco, na vaga de incendios, onde estaba a señora Pontón, porque apareceu cinco días despois. Tamén podería dicir ela onde estaba", recalcou.

CONVOCATORIA DE MANIFESTACIÓNS

Os populares poñen o foco no BNG, a quen afearon que, en plena vaga de incendios, "só pensase en organizar manifestacións e en saír á rúa coas súas bandeiras". Unha crítica que fixo extensiva tamén a Abel Caballero e a Yolanda Díaz, aos que cualificou de "invitados estrela" desas manifestacións e aos que botou en cara que pensasen "antes na política que nos galegos". Nesta liña, apuntou que "unha barbaridade como a de convocar manifestacións en plena vaga de incendios si que merecía algunha dimisión" e lamentou que Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro non demostren a mesma actitude "cando se trata da corrupción do PSOE, da quita da débeda ou de esixir medios ao Goberno central".

Prado, nunha rolda de prensa en Santiago
Prado, nunha rolda de prensa en Santiago | Fonte: ÍÑIGO ROLÁN - PPDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta