Un premio científico permite a alumnado catalán visitar o 'Festival de Xardíns' de Allariz

Chegaron á vila do Arnoia despois de gañar un concurso científico co seu proxecto 'Green Light', un experimento para utilizar plantas modificadas xeneticamente como leds ou bombillas.

Por X.M. Fernández | Allariz | 12/09/2019 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Un equipo formado por tres alumnos máis o seu titor, do Instituto catalán Pla de l´Estany (Banyoles), visitou o pasado 10 de setembro o Festival de Xardíns como premio ao seu proxecto Green Light, que consiste en modificar plantas xeneticamente para ser utilizadas como leds ou bombillas.

Alumnos e titor de visita no Festival de Xardíns. Foto: Prensa Concello de Allariz
Alumnos e titor de visita no Festival de Xardíns. Foto: Prensa Concello de Allariz

O proxecto -sostible co medio ambiente- que pretende substituír as farolas, hoxe en día iluminadas por enerxía non renovable, por unha planta lumínica nutrida por un depósito de auga con nutrientes mediante un contagotas por gravidade, participou no reto de xardinería. O desafío científico concreto para estes alumnos/as tiña por título "Para que deben servir e como serán os xardíns e o verde urbano no 2030?" e foi promovido dentro do iFEST polo Gremi de jardineria de Catalunya e Marimurtra.

Estímase que o 90% do crecemento da poboación terá lugar nas cidades nos vindeiros anos. E como o planeta estase a urbanizar moi rapidamente, o papel dos xardíns e das zonas verdes neste novo escenario collerá un papel moi relevante para a comunidade, para a educación, para a saúde, para a sostenibilidade das cidades e para a calidade de vida da poboación. Desta reflexión nacía o reto, acadar melloras de futuro para unha sostenibilidade ambiental e biodiversidade que encaixe nun contexto cada día máis urbanizado.

O iFEST está concebido como a gran festa da tecnoloxía, a ciencia, a innovación e a disrupción, dirixida a aqueles que representan o futuro: estudantes de últimos anos de bacharelato, FP, grados universitarios, mestrías e doutorados co obxectivo de trasladarlles a conciencia de que poden facer grandes cousas nos vindeiros anos, que a sociedade agarda as súas achegas e que teñen o talento para facelas.

No certame deste ano formuláronse 12 retos con máis de 300 equipos, 99 centros de formación e 1500 mozos e mozas. Ao de xardinería inscribíronse 36 equipos dos que  chegaron 6 á final.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta