O BNG propón que Galicia teña un comité de crise e unha lei propia contra o cambio climático

O Bloque presenta proposta para impulsar políticas ambientais destinadas a frear a situación de emerxencia climática.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/09/2019 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, interveu este xoves no acto de presentación das propostas do Bloque para impulsar políticas ambientais destinadas a frear a situación de emerxencia climática, entre as que inclúen a creación dunha lei autonómica e a articulación dun "comité de crise" para facer fronte ao cambio climático.

Encoro de Portomarín afectado pola seca.
Encoro de Portomarín afectado pola seca.

"É preciso actuar sen medo porque temos un perigo real que afecta a propia viabilidade do planeta", incidiu Pontón este xoves en Pontevedra, onde apuntou que Galicia "ten que estar na primeira liña contra a emerxencia climática".

Entre as primeiras medidas, a portavoz nacionalista fixo público o apoio do Bloque á mobilización mundial polo clima prevista para o próximo día 27 de setembro.

Ademais, o BNG urxe á Xunta a crear unha Lei galega contra a crise climática "que sexa a base dunha nova estratexia" que signifique un cambio nas políticas que actualmente impulsa o Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo que "seguen insistindo nun modelo que non é sustentable", segundo denunciou Ana Pontón.

A terceira proposta da formación frontista é a posta en marcha dun "comité de crise fronte á emerxencia climática" que estaría coordinado desde a Xunta e que contaría coa participación do conxunto de asociacións e organizacións de cara a analizar a eficacia das medidas que se adoptan.

Finalmente, o BNG expresou o seu compromiso de que, alí onde teñan responsabilidades de goberno, tomarán "medidas que poñan no centro o cambio de modelo e a loita contra o quecemento global", cuestións que tamén tratarán de impulsar naquelas institucións onde estean presentes como oposición.

Ana Pontón referiuse aos datos e estudos científicos que fixeron "que salten as alarmas" ao advertir que o planeta entra "nunha situación crítica" e que, de non tomarse "medidas eficaces", se priducirá unha "catástrofe ambiental e humana".

A líder nacionalista avogou por "pasar das palabras aos feitos" para non deixar unha "herdanza envelenada" ás próximas xeracións "nun momento no que aínda podemos facer algo".

Entre outras cuestións, o BNG propón reducir as emisións contaminantes ou facer unha transición enerxética para unha economía baseada en enerxías renovables.

"MODELO CAPITALISTA DEPREDADOR"

As "verdadeiras causas" que están "detrás deste problema", segundo Ana Pontón, atópanse nun "modelo capitalista depredador que pon o lucro e o beneficio dos grandes lobbies económicos por enriba do respecto ao medio ambiente" xerando ademais "graves desequilibrios sociais".

A presentación destas propostas do BNG tivo lugar na Illa das Esculturas de Pontevedra e contou coa intervención do alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores.

Pontón sinalou que a defensa do medio ambiente "forma parte do ADN" do BNG e citou como exemplos a loita dos nacionalistas "para que este país non se enchese de encoros", a súa oposición á instalación dunha central nuclear en Galicia, "a batalla para sacar a Ence da ría" ou por cambiar "un modelo forestal pirómano" e mesmo o exemplo de Nunca Máis, movemento no que, segundo a líder frontista, a organización foi "unha peza fundamental".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta