O PSdeG súmase ás criticas a Feijóo por solapar o Debate do Estado da Autonomía coa posible investidura de Sánchez

Trasladará ao presidente da Xunta na Cámara que o seu proxecto político "está esgotado": "Ten problemas por todos lados"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2019 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou este domingo a "unilateralidade" coa que a Xunta solicitou este sábado ao Parlamento de Galicia adiantar para este mes de setembro o anual Debate do Estado da Autonomía. Previsiblemente, celebrarase na semana do día 23, data límite para a investidura de Pedro Sánchez (PSOE) como presidente do Goberno central.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero | Fonte: Europa Press.

Para o líder dos socialistas galegos, isto implica que o presidente do Goberno autonómico e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, "utiliza as institucións" en función "dos seus intereses".

Neste contexto, o secretario xeral dos socialistas galegos avanzou que no debate de política xeral do Pazo do Hórreo trasladaralle a Feijóo "que o seu proxecto político está esgotado" en Galicia. "Ao longo deste tres anos de lexislatura non tomou ningunha decisión importante para resolver os problemas dos galegos", sinalou.

Caballero dixo estar "preparados" no seo do PSdeG para acudir ao último Debate do Estado da Autonomía da lexislatura nun panorama de incerteza política no ámbito estatal.

"Feijóo está moi preocupado porque non vive máis que para desgustos. (...) Cada vez que falaron os galegos —nas últimas citas electorais— quitáronlle o apoio. Ten desastres electorais, peléxase con (Cayetana) Álvarez de Toledo, peléxase con (Manuel) Baltar, ten problemas por todos os lados", enumerou, para despois advertir que Galicia "merece algo máis que un presidente dedicado a buscar a súa promoción dentro do Partido Popular".

"BOICOT" A SÁNCHEZ

En referencia ao bloqueo da investidura do presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, o xefe de filas do PSdeG sinalou ao resto de forzas políticas "que a estratexia do boicot non leva a ningunha parte", senón que "dificulta que os grandes temas do país se poidan resolver".

"Os socialistas galegos sabemos que o mellor que lle pode pasar aos galegos é ter un Goberno con plenitude de funcións", asegurou. E é que fronte a Sánchez "non hai ningunha opción de goberno posible".

Diso serviuse para avisar do "risco de involución" que supoñen tanto o presidente do PP, Pablo Casado, como a súa portavoz no Congreso, Cayetana Álvarez de Toledo. "(O PSdeG) estamos preparados para calquera escenario político e electoral, para trasladarlle a Galicia que fronte ao Partido Socialista corremos o risco de involución cunha dereita que se botou á ultradereita", incidiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta