O PSdeG pide a gratuidade dos libros de texto e que se pode afrontar cos fondos que xa non se ingresan por Patrimonio

"Queremos máis orzamento, máis profesores e gratuidade nos libros para todos os alumnos de Educación Obrigatoria", esgrimiu, antes de pedir tamén "avances" na escolarización de 0 a 3 anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2019 | Actualizada ás 16:07

Comparte esta noticia

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, ratificou este luns o seu "compromiso" coa educación pública e propuxo, por exemplo, recuperar a gratuidade dos libros de texto, unha medida cuxo custo económico se podería cubrir, xunto a outras (as primeiras matrículas universitarias tamén sen custo), cos 12 millóns de euros que, segundo os seus cálculos, os "máis adiñeirados" deixaron de pagar coa modificación do Imposto de Patrimonio.

En rolda de prensa, Caballero mostrou a preocupación dos socialistas polos "recortes" en educación, que haxa menos persoal ou que os profesores vivan con "máis horas de traballo e precariedade" que hai unha década, cando Alberto Núñez Feijóo tomou as rendas da Xunta.

"Hai menos escolas, menos unidades docentes e centros que non puideron iniciar a actividade con normalidade", esgrimiu, para engadir que tamén "dificultades" nas familias, que ven obrigadas a enfrontar a 'volta ao cole' con "un gasto extra".

Así as cousas, prometeu que os socialistas traballarán con "todo o seu compromiso" en defensa da educación pública en Galicia, o que plasmarán a través de iniciativas parlamentarias e tamén de mocións nos concellos, a modo, ademais, de censurar as políticas da Xunta no ámbito do ensino.

"Queremos máis orzamento, máis profesores e gratuidade nos libros para todos os alumnos de Educación Obrigatoria", esgrimiu, antes de pedir tamén "avances" na escolarización de 0 a 3 anos e que esta pase "a mans de Educación e deixar Política Social".

Por outra banda, esgrimiu que os socialistas apostan por favorecer un sistema de comedores que facilite, por exemplo, a conciliación no ámbito urbano --é dicir, con independencia de que haxa ou non transporte público-- e por que as matrículas en primeira convocatoria do sistema universitario tamén sexan gratis.

12 MILLÓNS

"Nos últimos tempos, o PP tomou decisións en política impositiva que afectan ao financiamento da comunidade. As modificacións do Imposto de Patrimonio privaron ás contas públicas de 12 millóns que chegaban aos orzamentos da Xunta, 12 millóns que deixan de pagar os sectores máis adiñeirados", sinalou.

Con eses 12 millóns, engadiu, habería "fondos suficientes" para volver ao sistema de libros de texto gratuítos en educación obrigatoria e para permitir que a primeira matrícula no sistema universitario non teña custo para os estudantes. "Se isto pódese facer noutras comunidades, Feijóo é responsable de que non se faga en Galicia", resolveu.

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa
O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Gamela

Son 3 semanas (21 días) en horario lectivo !!! http://www.vigoeningles.org/convoca... Colexios públicos e privados-concertados e colexios públicos e PRIVADOS en Inglaterra e Irlanda! É así como respectamos o traballo dos profesores galegos? Enviando ao alumnado de paseo en pleno curso!!!

1 Gamela

Cicais debera falar con Abel Caballero para que non leve 15 días en horario escolar aos rapaces a colexios privados a prender inglés? Semella que lle importa un bledo o ensino público en Galicia! E mira que leva anos facéndoo e ninguén abre a boca! Imaxinades que alguén que non fose o alcalde de Vigo quixera levar ao alumnado en HORARIO ESCOLAR fóra das aulas o que diría a Inspección Educativa?