Renacen os cineclubes en Galicia

Nace en Betanzos o cineclube Lar de Unta co obxectivo de proxectar traballos audiovisuais que normalmente non se poden visionar en salas comerciais. Contará cos directores e realizadores para realizar, con posterioridade, coloquios co público.

Por Galicia Confidencial | Betanzos | 20/09/2019 | Actualizada ás 08:15

Comparte esta noticia

Os cineclubes foron fenómenos sociais e culturais que arrasaron nos 70 e 80 en Galicia. Eran os cines comunitarios nos que se proxectaban filmes en Beta ou VHS. Pero a proliferación, primeiro, de numerosas canles de televisión, e a aparición, despois, de Internet provocou que foran esmorecendo.

Proxecto de cineclube
Proxecto de cineclube | Fonte: ucentral.com

Con todo, e a pesar da saturación televisiva e da rede, o fenómenop do cineclube aínda se mantén no país e renace con forza como proxecto social e cultural. Ese é o caso da Asociación gastronómica, cultural, xuvenil e deportiva Lar de Unta de Betanzos pon en marcha un novo clube de cinema co seu mesmo nome. Será este sábado 28 de setembro ás 21:00 comenzará cando se estree.

Co obxectivo de complementar na cidade a oferta municipal máis comercial, Lar de Unta promove un clube de cinema ao estilo clásico con filmes de autor e de traballos audiovisuais que normalmente non se poden visionar en salas comerciais. Por iso, o clube estreará as proxeccións co ciclo "Cinema daquí" con filmes de novos realizadores galegos.

A primeira será a estrea de Estructuras, pel contra pel dos realizadores X.Antón Bocixa e Paco Gallego. A esta sucederán películas de Xurxo Souto, Marcos Nine, Eduardo Maragoto, ou os premiados internacionalmente Lois Patiño ou Eloi Enciso entre outros.

CINEMA INFANTIL GALEGO E CINEMA INTERNACIONAL

Segundo informa a entidade nun comunicado, a este ciclo seguirán outros de cinema doutros países e diversas temáticas e mesmo algún de cine galego infantil e de animación, de diversos xéneros ou de realizadores/as da comarca. Proxectaranse tamén filmes relacionados con tradicións populares como o antroido ou outras festas populares e temáticas sociais actuais.

Neste primeiro ciclo contarán cos propios directores e productores para coloquios posteriores co público e ocasionalmente organizaranse conferencias e mesas redondas con profesionais do audiovisual. "Pretendemos con esta iniciativa devolver a Betanzos a súa tradición cinematográfica ( Betanzos conta coa sala de cinema máis antiga do estado en funcionamento) aínda que  se proxectarán filmes do cine clube no Alfonseti en ocasións moi especiais", apunta.

"O Cine Clube Lar de Unta é de facto un proxecto complementario e non un competidor dos programas municipais cos que se propón convivir e mesmo cooperar", sinala a entidade. A propia sede da asociación na rúa Pescadería 1 no casco histórico, frente ao mercado municipal será a sala de proxeccións. Un fermoso escenario coas vellas caballerizas do pazo do Marqués de Figueroa e con unha grande parede branca acondicionada para pantalla do Cine Clube.

As proxeccións serán gratuitas para o púbico. O Cine Clube ten realizado xa contactos con FECIGA (Federación de Cineclubes de Galicia) outros cineclubes e  creadores para o asesoramento e colaboracións no futuro. O clube, conformado no seu inicio cos socios da asociación, estará aberto á participación de veciñ@s que o desexen no futuro pois está concebido como un proxecto aberto e participativo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 MondoLar

Loubar a iniciativa, porén significar que os cineclubes xa levan tempo en plena efevercencia, ao menos en Ourense e Pontevedra. O de proxectar en Beta ou VHS (non sei onde o quitades) pois a meirande parte dos filmes proxectados son do máis actuais e agora non hai producións neses formatos. Estaría ben un pouco de rigor antes de sacar unha información. Parabéns o novo cineclube

1 xurxosalgado

"Os cineclubes foron fenómenos sociais e culturais que arrasaron nos 70 e 80 en Galicia. Eran os cines comunitarios nos que se proxectaban filmes en Beta ou VHS"... E máis adiante "Con todo, e a pesar da saturación televisiva e da rede, o fenómeno do cineclube aínda se mantén no país e renace con forza como proxecto social e cultural". Agradecemos tamén un pouco de rigor á hora de ler a información para poder comentar con rigor. Grazas, en todo caso, polo comentario. Un saúdo