O PPdeG centrarase en campaña nos "700 millóns que o Goberno central debe a Galicia"

Contrapón a "estabilidade" en Galicia coa situación estatal e censura a "vaidade" de Pedro Sánchez, o "peor presidente" para Galicia, din os 'populares.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/09/2019 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que o seu partido se presenta para "gañar" e volver situarse como primeira forza nas próximas eleccións xerais do 10 de novembro, contribuíndo a que "os españois poidan durmir tranquilos o próximos catro anos".

O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado
O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado | Fonte: Europa Press

Tellado parafraseou a polémica frase do socialista Pedro Sánchez e defendeu que é "obrigación do PP" que España "non viva historias para non durmir" tras os próximos comicios xerais e poida ter un goberno.

Preguntado acerca de se para o PPdeG sería un fracaso non conseguir superar ao PSdeG en votos e recuperar a hexemonía en Galicia, evitou unha resposta directa e esgrimiu que analizará os resultados cando toque, pero asegurou que os populares galegos sempre se presentan "para gañar".

"Somos o primeiro partido de Galicia", proclamou, e contrapuxo a "estabilidade" política e institucional de Galicia coa situación "inestable" do conxunto do Estado e coa "falta de liderado e de experiencia" que ven na esquerda galega.

Ao tempo, cargou con dureza contra Sánchez, e sinalou que a súa "vaidade" foi "sinónimo de inestabilidade", á vez que o definiu como "o peor presidente para Galicia, nefasto e letal, superando, aínda que era difícil, ao fatídico (José Luís) Rodríguez Zapatero".

"CARTEL ELECTORAL: 700 MILLÓNS DE DÉBEDA"

Tellado sinalou que "o cartel electoral" co que se presenta Sánchez será, por unha banda, os "700 millóns de euros que debe a Galicia" e o "recorte" do 30 por cento dos fondos que aplicaba "nos seus orzamentos errados" fronte á aposta de subir os recursos "un 60 por cento a Cataluña".

"Este é un legado que Galicia non merece dun presidente que non necesita", proclamou, antes de outorgar ao dirixente socialista un "moi deficiente" desde o punto de vista da xestión e un "non presentado" desde a perspectiva da súa capacidade negociadora.

Neste sentido, lembrou que Sánchez pasou do "non é non" ao "si porque si", sendo "incapaz de pactar, de ofrecer nada e de aceptar as ofertas de ninguén". Tamén censurou a actitude do socialista coa industria galega, citando a automoción, as electrointensivas ou as centrais térmicas.

"CHANTAXE" ÁS COMUNIDADES

Tamén afeou ao Goberno estatal que "confirmase" por carta á Xunta que "non pagará" máis da metade da débeda que mantén coas comunidades e que, no caso galego, ascende a 700 millóns de euros, mentres que se "descoñece" como nin cando pagará a outra metade.

"Lamentamos que o Ministerio de Facenda si teña interese en solucionar os problemas das autonomías gobernadas polo PSOE, como é o caso de Valencia, ao mesmo tempo que ignora as demandas de Galicia", sentenciou.

A continuación, instou ao Executivo central a "ser honesto" e dicilo "directamente" se planea repartir os recursos de financiamento "en función da cor política" das comunidades.

Finalmente, apuntou que o Goberno ten a obriga de "dialogar", de buscar solucións e de non caer na "chantaxe" ás comunidades só porque goberne un partido distinto ao PSOE. Tamén ratificou que o PPdeG seguirá reclamando que "pague" porque os 700 millóns son recursos que corresponden "lexitimamente" a Galicia.

"Os galegos non poden ser vítimas dun goberno en funcións que nunca funcionou", concluíu.

DEBATE SOBRE O ESTADO DA AUTONOMÍA

Por último, sobre o contexto no que se chega ao Debate sobre o Estado da Autonomía, insistiu no "contraste" entre a "estabilidade" de Galicia e a "inestabilidade" do conxunto de España. "E o proxecto do PPdeG, que contrasta coa absoluta falta de proxecto, de liderado e experiencia que vemos na esquerda galega", apostilou.

Tellado defendeu o labor da Xunta e do presidente Feijóo fronte a un Goberno central que "non funciona e despreza Galicia", cun líder socialista á fronte (Sánchez) "só preocupado polo seu futuro persoal".

Todo iso, concluíu, sen esquecer que "a oposición se atopa sen liderado, sen capacidade de entendemento e só pretende xustificar asociarse co mesmo Executivo central que castiga a nosa comunidade". "Os galegos terán a oportunidade de volver contrastar as diferenzas e de ver que tipo de modelo de xestión prefiren", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta