Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2019 | Actualizada ás 14:10
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, considera que o seu partido a nivel nacional debe situarse como o "punto de encontro" do "voto moderado e razoable" para ser a "panca de cambio" en España. Nunha entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press este domingo, Tellado apelou a ser a referencia do voto de "centro, centro-dereita", así como aglutinar o "moderado e razoable" da esquerda que non sente representada por Pedro Sánchez.
A idea baséase en "concentrar o voto útil" de "todos os que queren un goberno que goberne", "a estabilidade institucional e política" e a resolución dos problemas do país, xa que coa "división do voto" gaña a "esquerda".
Ademais, advertiu de que España se atopa "ante unha desaceleración económica" que "se converterá nunha crise" se o PSOE a xestiona. Por iso, o PP móstrase como unha alternativa "con experiencia" para "dar a estabilidade que necesitan as institucións".
CRÍTICAS
Na entrevista, o secretario xeral tamén volveu a arremeter contra o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, sobre os que pensa que "quedaron inhabilitados para facer política en Galicia" por non defender "os intereses" de Galicia "en ningún momento".
Pola contra, a Xunta foi a que todo este tempo "alzou a voz" contra as inxustizas, como a transferencia dos millóns de euros que o Estado debe ás comunidades, un asunto sobre o que Pedro Sánchez "mentiu durante semanas" para provocar o "bloqueo" e así "chantajear ás autonomías" e conseguir unha "investidura que non alcanzaba por outros medios".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.