Por E.P. | A Coruña | 22/09/2019 | Actualizada ás 17:38
Abanca forma parte este domingo dunha coalición de 130 bancos de todo o mundo para asinar os Principios de Banca Responsable, a iniciativa financeira do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (UNEP FI).
Segundo informa a entidade financeira, o lanzamento deste documento terá lugar este domingo durante o cume climático da Asemblea Xeral da ONU, en Nova York, ata onde se desprazou o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas. Deste xeito, o banco comprometerase a aliñar o seu negocio cos Objetidos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) e o Acordo de París sobre o cambio climático. E é que, ao adherirse á iniciativa, Abanca terá "un papel activo" na creación dunha economía sustentable para liderar "novas formas de facer finanzas no futuro".
O seu conselleiro delegado, Francisco Botas, sinalou que "para o banco supón dar un impulso á estratexia de responsabilidade social corporativa que estivo a desenvolver desde a súa creación, centrada no bo goberno, a igualdade de oportunidades, a educación, a cultura e o medio ambiente".
Os Principios de Banca Responsable, desenvolvidos por UNEP FI xunto cun grupo central de 30 bancos, foron xa presentados en París en novembro de 2018, pero o seu lanzamento global prodúcese este domingo.
SEIS COMPROMISOS
En concreto, informa Abanca, o documento recolle seis compromisos: aliñar a estratexia comercial dos bancos con acordos nacionais e internacionais sobre o clima; incrementar os impactos positivos da súa actividade e reducir os negativos; traballar con clientes para alentar prácticas sustentables; colaborar de forma prol activa para lograr os obxectivos da sociedade; contar cun goberno corporativo efectivo e responsable; revisar periodicamente a implantación individual e colectiva destes principios; e ser transparente e responsable neste ámbito.
Por mor de todo iso, a entidade destaca que xa incorporou prácticas de gobernación "esixidas a sociedades cotizadas" e desde abril conta co servizo 'Alpha Responsable' para a xestión de fondos de investimentos "socialmente responables".
Así mesmo, participa en proxectos do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima do Goberno de España, así como noutros de enerxías renovables Power Purchase Agreement (PPA) en colaboración con empresas, ademais de iniciativas verdes para renovar a frota pesqueira e mellorar a eficiencia enerxética do sector primario.
Abanca tamén indica que "está a renovar" as súas sedes corporativas e a súa rede de oficinas para facelas "enerxéticamente intelixentes", con políticas de transporte "sustentable" e de "cero papel".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.