Eva Solla non descarta competir con Yolanda Díaz en EU: "Veremos se hai outras candidaturas"

A actual vicepresidenta da Mesa da Cámara postúlase como candidata para as autonómicas de Esquerda Unida e apela a seguir apostando pola confluencia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2019 | Actualizada ás 14:13

Comparte esta noticia

A diptuada de Grupo Común da Esquerda, vicepresidenta da Mesa da Cámara e coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, presentou a súa candidatura ás primarias da federación galega de EU para elixir cabeza de lista nas eleccións autonómicas previstas para o ano 2020, unha cita coas urnas na que EU confía en manter a "confluencia" con outras forzas como Podemos Galicia e Anova.

Este luns, nunha conferencia de prensa celebrada na sede de EU en Santiago, a tamén vicepresidenta segunda da Cámara galega destacou a súa bagaxe como representante pública nos últimos anos e a súa condición de muller como valores para ser candidata á Xunta.

"Considero humildemente que podo achegar grandes elementos de consenso. Tamén, como muller, estou segura de que temos que dar un paso adiante cara aos postos de responsabilidade", apuntou Solla, que, polo momento, é a única persoa que, polo momento, se postulou para ser cabeza de lista de Esquerda Unida nas eleccións galegas.

Un posto, a candidatura á Presidencia da Xunta, para o que as quinielas tamén sitúan á deputada estatal por Galicia en Común Yolanda Díaz, quen nunha entrevista radiofónica o pasado mes de agosto deixou as porta aberta a liderar o espazo político nas autonómicas previstas para 2020.

Cuestionada sobre a súa compañeira de partido, a quen precisamente relevou como coordinadora nacional de EU hai dous anos, Eva Solla apelou a que o prazo para a presentación de candidaturas ás primarias está aberto ata o próximo día 25. "Veremos se hai outras candidaturas", sinalou sen entrar a pronunciarse sobre unha posible competencia con Díaz por encabezar a lista de Esquerda Unida.

SEGUEN APOSTANDO POLA "CONFLUENCIA"

Coas eleccións autonómicas no horizonte, Eva Solla indicou que Esquerda Unida segue apostando pola confluencia con outras forzas da esquerda, como Podemos Galicia ou Anova, con quen abrirá "diálogos" para a configuración dunha candidatura ás autonómicas.

Con todo, e a pesar de non estar definido como se presentarán ás eleccións, resaltou a importancia de celebrar primarias internas para así "ter os deberes feitos" e que, no caso de que non frutifique un acordo con outras formacións, "poder armar unha candidatura propia".

Deste xeito, Eva Solla mostrouse partidaria de "non tentar cousas novas" na articulación dunha lista de confluencia. "Hai que abandonar os egos, os personalismos e as inventivas para pór por diante as cousas que nos unen", indicou, antes de incidir en que o obxectivo é "vencer á dereita" do PP de Alberto Núñez Feijóo no ano 2020.

A deputada de Común da Esquerda e coodinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla
A deputada de Común da Esquerda e coodinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta