O PSdeG cre que existen as mesmas "condicións" para repetir pactos municipais na Xunta

"Exemplos de que desde o PSOE en Galicia estamos dispostos a tender a man e a buscar acordos de programa con estabilidade e seriedade", manifestou Fernández Leiceaga.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2019 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, puxo en valor os "múltiples exemplos de gobernos de coalición estables entre distintas forzas" políticas da esquerda configurados tras as pasadas eleccións municipais que, segundo indicou, os socialistas están "en condicións" de repetir para a Xunta.

Leiceaga pronunciouse deste xeito ao ser preguntado polas declaracións efectuadas á Cadea Ser pola deputada do PSOE pola Coruña Pilar Cancela, nas que lembrou a "experiencia" do bipartito entre PSOE e BNG na Xunta para insistir no rexeitamento dos socialistas a que haxa un goberno de coalición "bicéfalo" no Estado.

Respecto diso, Leiceaga sinalou que "xa a partir do ano 1999 ata hoxe" houbo "exemplos" de acordos para formar gobernos progresistas como os alcanzados, tras as últimas eleccións locais, nas deputacións da Coruña e Pontevedra ou no Concello de Lugo, entre outros.

"Exemplos de que desde o PSOE en Galicia estamos dispostos a tender a man e a buscar acordos de programa con estabilidade e seriedade", manifestou para sinalar que "este é o exemplo máis claro" de que o PSdeG está "en condicións" tamén de chegar a estes acordos para que haxa cambio no goberno da Xunta.

"Todos temos na cabeza os éxitos e dificultades de distintas experiencias previas, analizámolas e tentamos superalas en positivo, buscando eses acordos estables con outras forzas progresistas", apuntou.

REACCIÓN DO BNG

Para a líder do BNG, Ana Pontón, as declaracións dos socialistas son "unha saída de ton" porque "se algún non tivo que ver no fracaso das negociacións foi Galicia" porque foi "ninguneada" por parte de PSOE e Podemos. Por iso, considera que os galegos "tomaron nota" do sucedido, polo que ve nas eleccións xerais do próximo 10 de novembro "unha oportunidade" para "cambiar" a "discriminación flagrante" cara á Comunidade galega.

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, tirou de ironía e, tras incidir en que lle parece "normal" que Cancela aproveitase a entrevista para "pedir desculpas" polas novas eleccións, apuntou que o que máis lle "chama a atención" é que ao líder do PSOE, Pedro Sánchez, "lle quite o sono" gobernar con Podemos mentres que en Galicia os socialistas "non deixan" de insistir nunha posible alternativa aos populares "non só con Podemos, senón con dous grupos máis". "Confío en que todos poidan durmir ben", engadiu Puy, antes de concluír que, para que os galegos tamén poidan, "o mellor" é que siga gobernando o PPdeG.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, na rolda de prensa
O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, na rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta