Por Europa Press / Redacción | Compostela | 24/09/2019 | Actualizada ás 11:15
A pensión media subiu un 4% en setembro en Galicia en relación co mesmo mes do ano anterior, de forma que se situou en 843,01 euros, segundo os datos que publica este martes o Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social. Con todo, segue estando a cola da pensión media do Estado.
O número total de pensións na Comunidade galega alcanzou as 766.086, que representan un 7,8% do total, cun incremento do 0,4% respecto de setembro de 2018. Deste xeito, Galicia mantense como a segunda comunidade coas pensións máis baixas de España, só por encima de Estremadura (827,09 euros). Está 150 euros por baixo da media española (993,11 euros).
Por provincias, a pensión media é de 887,22 euros na Coruña; 883,36 euros, en Pontevedra; 750,66 euros, en Lugo; e 729,78 euros, en Ourense.
As 766.086 pensións repártense entre 479.116 por xubilación (por unha contía media de 957,76 euros, lonxe dos 1.140,71 euros da media española), 186.744 de viuvez (601,89 euros), 69.868 por incapacidade permanente (882,33 euros), 23.776 de orfandade (399,28 euros) e 6.582 por favor de familiares (516,74 euros).
Pola súa banda, as pensións con complemento a mínimos en Galicia foron 231.349 este mes: 87.307 na Coruña, 65.520 en Pontevedra, 40.222 en Ourense e 38.300 en Lugo.
DATOS ESTATAIS
A Seguridade Social destinou neste mes de setembro a cifra marca de 9.693 millóns de euros ao pago das pensións contributivas, un 4,96% máis que no mesmo mes de 2018, segundo datos publicados este martes polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social, que destacou que o crecemento do gasto "foise moderando" desde o inicio do ano.
A maior parte dos 9.693 millóns de euros destinados a pagar a nómina das pensións en setembro foi a parar ás pensións de xubilación, con 6.907 millóns de euros (+5,2%), seguidas das pensións de viuvez, ás que se dedicaron 1.685 millóns de euros (+5,1%).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.