O Goberno acusa de "boicot" á Xunta por negarse á condonación da débeda

No caso de Galicia serían máis de 4.000 millóns de euros

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 15/10/2025 | Actualizada ás 20:09

Comparte esta noticia

O secretario de Estado de Política Territorial, Arcadi España, acusou á Xunta de "boicotear" a acción do Goberno coa súa negativa á condonación da débeda, que, no caso de Galicia, cifrou en máis de 4.000 millóns de euros.

Así o valorou en declaracións aos medios tras unha reunión en Vilagarcía de Arousa co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e alcalde, Alberto Varela, e o delegado do Goberno, Pedro Blanco, onde Arcadi España asegurou que "nunca" os concellos e CC.AA. recibiran "tantos" recursos económicos do Goberno central.

Neste contexto, o secretario de Estado pediu ao PP, principal partido da oposición, estar "á altura das circunstancias" e "non levantarse constamente" das mesas de negociación de asuntos financeiros, como é o caso do Consello de Política Fiscal e Financeira. "Un non pode levantarse da mesa e logo dicir que non se avanza nunha reforma", reprochou.

En relación á negativa da Xunta á condonación da débeda, valorou este "non" como unha mostra de "non estar á beira dos teus cidadáns e cidadás": "Signfica que estás disposto a boicotear a acción do goberno de España antes que a beneficiar aos teus veciños e ás veciñas".

FINANCIAMENTO MUNICIPAL

Pola súa banda, o presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, ve no Estado un "aliado" económico. No caso de Vilagarcía, apuntou un aumento dos ingresos de case o 40% entre 2018 e 2025, cando recibiu 10.398.000 euros.

Así, tratou a "necesidade" de reformar o financiamento municipal, asunto no que unha das súas principais "preocupacións" radica en que os concellos deixen de ser a administración que máis diñeiro achega ao Servizo de Axuda non Fogar (SAF).

Así mesmo, o secretario de Estado considera que Vilagarcía é un concello "moi competitivo" e púxoo de exemplo entre aqueles con alcaldes que son "factores de competitividade" dos seus municipios.

"Non é fácil, no actual contexto de competencia que hai en materia de fondos comunitarios, que un concello, convocatoria a convocatoria, vaia obtendo eses fondos comunitarios a través do Goberno de España para financiar infraestruturas imprescindibles", expuxo.

En concreto, destacou que, a través do Programa de Impulso ás Entidades locais (EDIL), Vilagarcía recibiu 3,8 millóns de euros (que mobilizarán ata 6,4), dos 76 correspondentes á provincia de Pontevedra. En total, Galicia recibe 176 millóns de euros, apunta o Goberno.

O secretario de Estado de Política Territorial, Arcadi España, na súa visita a Vilagarcía, a 15 de outubro de 2025.. GOBERNO
O secretario de Estado de Política Territorial, Arcadi España, na súa visita a Vilagarcía, a 15 de outubro de 2025.. GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta