Galiza pola República esixe ao rei Felipe VI "a condena dos crimes franquistas"

Esta plataforma cívica reclama a "retirada" dos títulos nobiliarios, que "premian a persoas destacadas da ditadura".

Por E.P. | A CORUÑA | 26/09/2019 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

A plataforma 'Galiza pola República e polo dereito a decidir' chamou á cidadanía a participar nunha concentración convocada para o próximo día 30, con motivo da presenza na Coruña de rei Felipe VI, na apertura do curso académico universitario, e avanzou que esixirán ao monarca "a condena dos crimes franquistas" e a retirada de títulos nobiliarios.

Segundo explicaron nunha rolda de prensa, a convocatoria é ás 11,30 horas, media hora despois da protesta convocada pola plataforma Vía Galega tamén coincidindo con esta visita real. Galiza pola República, integrada por 21 entidades, mobilizarase baixo a lema 'O dereito a decidir: monarquía ou república' para reclamar unha consulta popular a este respecto.

En rolda de prensa, Manuel Monge, membro desta plataforma, explicou que, con esta concentración, tamén buscan "esixir a condena dos crimes franquistas" por parte do Rei, a quen farán chegar antes do luns unha carta cos títulos nobiliarios outorgados a franquistas.

Esta plataforma cívica reclama a "retirada" dos títulos nobiliarios, que "premian a persoas destacadas da ditadura" e que, en opinión de Monge, supoñen unha "vergoña de Estado".

Segundo indicou Manuel Monge, xa notificaron a celebración desta protesta, que non interferirá no desenvolvemento do acto nin obrigará a cortar o tráfico, á Subdelegación do Goberno e á Policía Local da Coruña.

Á marxe desta protesta, a plataforma anunciou outros dous actos que desenvolverá ao longo dos próximos meses. O primeiro será a mediados de outubro, coa celebración dunhas charlas sobre o "dereito a decidir" entre república e monarquía. O segundo, engade Monge, será a realización de "unha consulta popular" en barrios da cidade e municipios da comarca para preguntar á cidadanía a este respecto.

Pazo de Meirás na Coruña propiedade dos herdeiros de Francisco Franco. EUROPA PRESS - Arquivo
Pazo de Meirás na Coruña propiedade dos herdeiros de Francisco Franco. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta