Miguel Tellado di que o PSOE busca "asinar o certificado de defunción" de Ferrolterra co peche das Pontes

O secretario xeral do PPdeG preguntou se as ministras de Industria e Transición Ecolóxica, que levan meses "falando alegremente" de pechar as térmicas, van ir ás Pontes a "mirar á cara" aos traballadores e dicirlles "que van para casa sen ningunha alternativa".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2019 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, cre que o PSOE "quere asinar o certificado de defunción" da comarca de Ferrolterra despois do anuncio de Endesa de acelerar o peche da central térmica das Pontes, previsto xa para mediados do 2020.

Así o manifestou o número dous dos populares galegos durante un encontro mantido cos presidentes do partido na Coruña, Diego Calvo, e en Lugo, Elena Candia, xunto aos alcaldes e portavoces do PP en varios concellos da área.

Para Tellado, o "obxectivo" desde "o primeiro día" dos socialistas era "clausurar" unha planta que estaba a levar a cabo un plan de investimentos para "alongar a súa vida útil ata o ano 2045" e que operaba "respectando toda a normativa" da Unión Europea.

Así, o secretario xeral do PPdeG preguntou se as ministras de Industria e Transición Ecolóxica, Reyes Maroto e Teresa Ribeira, respectivamente, que levan meses "falando alegremente" de pechar as térmicas, van ir ás Pontes a "mirarlle á cara" aos traballadores e dicirlles "que van para casa sen ningunha alternativa".

"Hoxe son estas 750 familias, pero mañá poden ser moitas máis, porque hai moitas industrias ameazadas polas políticas erráticas dos socialistas", aseverou, referíndose tamén ás dificultades que atravesan as industrias electrointensivas como Alcoa en Cervo, así como a "falta de carga de traballo" de Navantia ou a "vontade" do Goberno de pechar Ence en Lourizán. "Pedro Sánchez quere converter a Galicia nun deserto industrial e non llo podemos permitir", insistiu.

Así mesmo, Tellado censurou a actitude do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, e do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, porque "mentres o Goberno central lle lanzaba un novo ataque" á Comunidade, estaban "en Madrid aplaudíndolle a Pedro Sánchez".

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, reúnese cos presidentes do partido nas provincias da Coruña, Diego Calvo, e Lugo, Elena Candia, xunto a portavoces e alcaldes populares.. PPDEG
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, reúnese cos presidentes do partido nas provincias da Coruña, Diego Calvo, e Lugo, Elena Candia, xunto a portavoces e alcaldes populares.. PPDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta