Unidade histórica de 25 concellos da Coruña e Lugo, nun "berro de auxilio" ante a situación de "emerxencia industrial"

Aproban unha declaración para solicitar entrevistas con responsables da Xunta e Goberno central.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2019 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

Alcaldes e representantes de 25 municipios das provincias da Coruña e Lugo asinaron este luns unha declaración institucional en Ferrol como "berro de auxilio" para demandar solucións "ante a circunstancia que se está vivindo de emerxencia industrial".

Alcaldes e representantes municipais na reunión en Ferrol ante a emerxencia industrial.
Alcaldes e representantes municipais na reunión en Ferrol ante a emerxencia industrial. | Fonte: Europa Press

Así, expoñen que a situación que atravesan compañías como Endesa, Alcoa, Navantia, Siemens-Gamesa, Poligal ou Reganosa está "a arrastrar a miles de traballadores e ao tecido empresarial vinculado co sector industrial".

No texto, instan "con urxencia ás administracións con competencia en industria, Ministerio de Industria e á Consellería de Economía, Emprego e Industria, a acometer unha iniciativa conxunta de reactivación económica e captación industrial nestas comarcas".

Co fin de trasladar esta problemática, solicitaron "as correspondentes entrevistas cos ministerios de Industria e Fomento, e coas consellerías de Economía, Emprego e Industria e a de Infraestruturas".

Na reunión mantida déronse cita alcaldes ou responsables de goberno de diferentes partidos dos municipios coruñeses das Pontes, Ferrol, Pontedeume, Neda, Mugardos, Ortigueira, Cedeira, Cerdido, A Capela, As Somozas, San Sadurniño, Fene, Cariño, Valdoviño, Moeche, Cabanas, Ares, Narón, Miño, Monfero e Mañón, ademais dos lucenses de Muras, Xermade, Vilalba e Viveiro.

"DÍA HISTÓRICO"

Tras o encontro, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE), asegurou que este acto foi para "poder levantar a man para que as distintas administracións competentes se fixen no que está a acontecer desde A Mariña lucense ata Ferrolterra, Eume e Ortegal, pasando pola Terra Chá".

Pola súa banda, o alcalde das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), Valentín González Formoso (PSOE), asegurou que "hoxe é un día histórico porque nunca se logrou reunir a tantos alcaldes lindeiros para alzar unha voz e clamar por unha reactivación industrial nunhas comarcas que teñen uns riscos moi serios".

Así, Formoso destacou que "nos próximos dous anos non haberá carga de traballo para as auxiliares do sector naval". "Reganosa está a ser cuestionada, Megasa está sometida á presión do custo enerxético, Siemens-Gamesa deixa no aire unha posible deslocalización cara a Portugal...", lamentou.

Todo iso, nunha "comarca que viu o peche de Poligal, de Elinco ou o de hai dous anos de Conservas La Jira, en Cariño", mentres "o sector da lousa en Ortegal perdeu tamén ultimamente a uns 150 traballadores".

COMBUSTIBLES ALTERNATIVOS

González Formoso detallou que "este chamamento é ás dúas administracións que teñen competencias, como son o Ministerio de Industria, que ten que implicarse en dar saídas urxentes a día de hoxe á central térmica de Endesa nas Pontes e Alcoa na Mariña, ademais da Xunta, a través da Conselleira de Industria, que tamén se ten que implicar".

O tamén presidente da Deputación da Coruña detallou que esta iniciativa "é de todos os partidos políticos, non vai nin contra Feijóo nin contra Pedro Sánchez, é un berro de auxilio industrial dunha comarca que é a segunda no ámbito industrial máis importante de Galicia e que necesita urxentemente que se visualicen opcións e iniciativas".

González Formoso detallou que "as probas realizadas pola propia Endesa este verán, con combustibles alternativos ao carbón, confirman que é viable" a queima de biomasa como medida de futuro para manter a actividade na central no futuro.

Sinala que esta solución "non xera CO2 e non xeran tampouco ningún conflito", "nunha comarca que é netamente forestal e que é capaz de xerar madeira para outras industrias doutro maior porte", en alusión ás plantas de celulosa.

UN PROBLEMA "CULPA DE TODOS"

Por último, González Formoso asegurou que a esta situación se chegou "por culpa de todos", en alusión aos partidos políticos. "Agora mesmo temos un comisario europeo que é un das orixes do problema, e que é do Partido Popular; e temos un presidente do Goberno que é a orixe do problema tamén, e pertence ao Partido Socialista, e unha ministra que é socialista", criticou.

Por todo iso, o presidente socialista da Deputación da Coruña sostén que "o problema é compartido", polo que insta a todos "a buscar solucións, que as hai, que é ademais o que demanda a cidadanía".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Riuriu

La desindustrialización creciente que se avecina es terrible. Que le den las gracias a los que se manifiestan por la "emergencia climática", que lo crean o no favorecen a los intereses de los que quieren trasladar todo el téjido productivo a China o India, países donde la legislación medioambiental es de risa.

1 Paco Lerer

E o presidente Feijoo, con dúas lexislaturas ao lombo e unha lista de difuntos económicos que non vai caber en ningún armario, cantando cancións de tasca baixo dos balcóns madrileños. Prefire mirarse a entreperna e pasar á historia como o gran enterrador antes que defender ao país. Será que está á espera dun retiro nunha ponla da árbore do maná.

1 xan das carocas

A feijóo a única industria que lle interesa na Galiza e Ence. Encher os montes de ocalitos.