A Xunta porá en marcha un 'Cheque Brexit' para axudar as empresas galegas no Reino Unido

A pesca será "máxima prioridade" para a Xunta, tendo en conta que uns 150 barcos galegos faenan en augas inglesas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/10/2019 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia porá en marcha un 'Cheque Brexit', unha liña de axudas para que as empresas galegas no Reino Unido poidan facer fronte aos gastos derivados de asesorías e consultorías para adaptarse ás novas normas que entren en vigor.

Así o anunciou este mércores o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha rolda de prensa ofrecida tras a reunión do Grupo de Traballo Interdepartamental do Brexit, na que participaron os conselleiros de Facenda, Valeriano Martínez; Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña; Medio Rural, José González; e Mar, Rosa Quintana.

Na súa intervención, o vicepresidente autonómico destacou que esta nova liña de apoios incluirase no Plan estratéxico para o Brexit que o Consello da Xunta aprobará este mes, documento no que se fixará a contía das subvencións. E é que o próximo 31 de outubro finaliza o prazo para que o Reino Unido chegue a un acordo que, de non producirse, daría lugar ao chamado "Brexit duro".

Así mesmo, Alfonso Rueda informou que, a proposta da Consellería de Economía, a "antena" que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ten no Reino Unido e que ata agora se dedicaba exclusivamente ao labor comercial, pasará a prestar tamén servizos de asesoramento e consultoría ás empresas galegas nesta materia.

"Pretendemos que esta oficina do Igape pase a ter un ámbito máis global e tamén poida asesorar ás empresas, aos galegos que se dirixan alí para pedir calquera tipo de información sobre a súa situación e as consecuencias do Brexit", destacou o vicepresidente.

O vicepresidente autonómico subliñou que a Xunta de Galicia dá "moita importancia" a estas medidas --a conversión da antena do Igape e as axudas para mitigar o impacto dos gastos-- ao considerar que, ademais de "reforzar a plataforma de diagnóstico", é necesaria unha actualización "constante" das novidades que se producen.

A PESCA, "MÁXIMA PRIORIDADE"

Na rolda de prensa ofrecida este mércores, o vicepresidente da Xunta tamén lembrou a súa participación a semana pasada na Conferencia de Asuntos Europeos na que as comunidades e o Goberno central analizaron a última hora de todo o que ten que ver co Brexit.

Rueda, que considerou que as comunidades e o Goberno deben estar "bastante coordinadas" para deseñar as grandes liñas de actuación nesta materia, asegurou que a "máxima prioridade" para Galicia son os efectos que o Brexit poida ter nos sectores, especialmente na pesca.

"Somos máxima potencia rexional pesqueira de Europa", sinalou Rueda, que destacou que os 150 barcos galegos que faenan en augas británicas e as 1.700 persoas enroladas pódense ver afectadas as consecuencias de toda a negociación.

Ademais, o vicepresidente da Xunta considerou necesario "velar" polos dereitos dos 14.000 galegos que residen no Reino Unido. Así, avogou por unha "reciprocidade" tanto para os galegos que residen neste país como para os ingleses que viven en Galicia, onde hai activadas unhas 1.000 cartillas do Sergas a cidadáns deste país.

Por último, tamén se referiu a as empresas galegas que están a operar co Reino Unido e que se verán afectadas o efecto Brexit.

Reunión do Grupo Interdepartamental de Traballo para o Brexit da Xunta de Galicia. XUNTA
Reunión do Grupo Interdepartamental de Traballo para o Brexit da Xunta de Galicia. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta