O Sergas rexeita "conflito de intereses" na decisión de non incluír a vacina contra a meninxite B

Ve "imprescindible" que "o Estado elimine a taxa de reposición" para que "ofertar todas as prazas que as necesidades asistenciais o xustifiquen".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2019 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, rexeitou este xoves que exista un "conflito de intereses" na decisión de non incluír no calendario vacunal de Galicia a dose da meninxite B en Galicia.

En resposta a unha pregunta do parlamentario socialista Julio Torrado sobre a política do Goberno galego en relación coa inclusión da vacina contra a meninxite B no calendario vacunal, Fernández-Campa subliñou que influencia do pediatra Federico Martinón, coordinador dun grupo de vacinas no IDIS, nesa decisión "ningunha".

Así, defendeu que se tratou dunha decisión "de acordo co Goberno de España", discutida nos órganos pertinentes, para que o calendario vacunal sexa "o mesmo en todo o territorio español". "Neste caso a influencia de profesionais do IDIS que non participan nestes órganos non existe en ningún caso", subliñou.

O parlamentario socialista Julio Torrado insistiu ao formular a pregunta nun "posible conflito de intereses" de Martinón e fixo alusión ao seu nome completo para "non confundir co asesor persoal de Feijóo", que se apellida igual, matizou. "Soa un pouco estraño", insistiu para reiterar a pregunta de se existe tal "conflito de intereses". "Se se apellidara Pérez xa non seguiría no seu cargo", apostilou.

"Neste caso non se dá, o axente non toma nin participa na toma de decisións", destacou o xerente do Sergas en relación ao papel do doutor Martinón. "Estritamente non se pode falar de conflito de intereses", sentenciou para xustificar que non existiu "capacidade real de tomar decisións" por parte deste profesional sinalado polo deputado socialista.

FUNDACIÓNS DE INVESTIGACIÓN

Por outra banda, ante as críticas da deputada Montse Prado do grupo do BNG en relación a que "Federico Martinón cobrou máis de 100.000 euros de empresas farmacéuticas", noutra pregunta sobre o financiamento nas fundacións de investigación vinculadas aos centros sanitarios, o xerente do Sergas reivindicou "a calidade dos institutos de investigación en Galicia", que a sitúa entre as "primeiras comunidades do Estado" neste ámbito.

Nesta liña, lembrou que en Galicia existen tres grupos de investigación, entre eles o IDIS, que contan con "acreditación oficial" e unha "adecuada infraestrutura". Ademais, e reiterou que "existe un procedemento claro e criterios de avaliación" no procedemento do calendario vacunal.

"Nos últimos anos incrementáronse os recursos", subliñou Campa, quen abundou que "se multiplicaron por cinco os recursos que captaban hai 10 anos" e que, explicou, "obtéñense por diferentes fontes", como convocatorias estatais, europeas e autonómicas, así como por ensaios clínicos. Por iso, apelou a que "non se poña en dúbida a calidade dos investigadores".

"Está o PP protexendo a Federico Martinón?", preguntou a parlamentaria do BNG, tras o que o xerente do Sergas insistiu en que a decisión tomada en relación ao calendario vacunal adóptaa un grupo de profesionais en base a evidencias científicas e outros criterios.

POLÍTICA LABORAL

Por outra banda, a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Margarita Prado, defendeu, tras ser preguntada polo grupo Común da Esquerda pola política laboral do Servizo Galego de Saúde, un incremento da estabilidade do persoal nos últimos anos.

"No Sergas séguense convocando desde 2012 ata 2019 oposicións ano tras anos, esgotando a taxa de reposición", incidiu para lembrar que "6.000 traballadores" con carácter temporal pasaron a ser fixos.

Con todo, considerou "imprescindible" que "o Estado elimine a taxa de reposición" para que "cada comunidade poida ofertar todas as prazas que as necesidades asistenciais o xustifiquen", recalcou. Así, replicou que "xa" están "a adoptar medidas" e "vanse recuperando" outras. "E preocúpame que o Goberno central non adopta ningún tipo de medida", sentenciou.

"A eliminación da taxa de reposición para cando?", preguntouse para concluír que se o Goberno central "devolvese os 700 millóns" sería "unha fonte importante" de recursos "para os servizos públicos dos galegos".

O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa. XUNTA
O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta