Traballadores de Reganosa piden respecto ao seu traballo e o apoio da sociedade para defender o emprego

Aseguran que se sentiron "abandonados e ás veces atacados" por "certos axentes sociais e representantes da cidadanía".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2019 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

O presidente do comité de empresa de Reganosa, Emilio López, esixiu "un respecto" cara o traballo deste colectivo ao estimar que "hai uns poucos xogando co pan das nosas familias". Así, incidiu en que a planta de regasificación situada en Mugardos (A Coruña) "xera riqueza para toda Galicia". "E porque facemos ben as cousas cada día", dixo, ao mesmo tempo que negou que "contaminen", sexan "ineficientes" e que supoñan "unha ameaza".

Rolda de prensa de integrantes do comité de empresa de Reganosa.
Rolda de prensa de integrantes do comité de empresa de Reganosa. | Fonte: Europa Press

Estas manifestacións realizounas nunha comparecencia pública este venres na sede de UGT en Ferrol, onde estivo acompañado do resto de integrantes do comité de empresa da compañía enerxética.

"Sentímosnos abandonados e ás veces atacados por certos axentes sociais e representantes da cidadanía que, en lugar de defender o emprego e o desenvolvemento industrial da comarca, actúan en contra por intereses políticos e persoais", apuntou López, en alusión a varios colectivos que se opoñen a que a planta continúe operando nun das marxes da ría de Ferrol.

ACOSO

"O acoso ao que estamos sometidos é produto dunha estratexia empresarial para acabar co noso emprego", afirmou o representante sindical. "Poida que algúns dos que colaboran no intento de quitarnos o pan non o saiban, pero están a ser utilizados", abundou.

Nesta liña, incidiu en que "os fíos os moven poderes con intereses alleos a Galicia, que nada teñen que ver con esta comarca e que se lles están ocultando á cidadanía". "Pretenden facer fóra de Galicia o que nós facemos en Ferrolterra, utilizando a colectivos contra un procedemento administrativo para acabar coa súa competencia e acaparar todas as infraestruturas gasistas de España", sostivo.

SECTOR ESTRATÉXICO

Por parte do comité de empresa de Reganosa tamén se asegurou nesta comparecencia que esta empresa "achega á comarca, tan golpeada polo paro, emprego, coñecemento e riqueza" e que son, ademais, "clave para a transición enerxética". "O sector enerxético galego, no que se inclúe o eólico, depende o apoio das centrais de gas, que estaría en perigo de non contar connosco", asegurou.

Ante esta situación, Emilio López reclamou "o apoio dos sindicatos, partidos políticos, compañeiros doutras empresas e da sociedade civil" e que "se teñan en conta aos traballadores, persoas, familias por diante de políticas e intereses empresariais".

En canto ao emprego que xera Reganosa, o presidente do comité de empresa trasladou que son a día de hoxe 130 traballadores, aos que habería que sumar "entre 30 e 40 externos", mentres que os indirectos situaríanse "entre os 200 e 300 operarios", entando previsto que "a próxima semana se incorporen outro dez traballadores, enxeñeiros".

ESTUDO DE IMPACTO AMBIENTAL

Por parte do comité de empresa apuntouse que actualmente a compañía está no "proceso de volver sacar o Estudo de Impacto Ambiental (EIM), onde se presentaron alegacións de persoas que están en contra da planta, pero hai outras que están a favor".

"Temos que agradecer o apoio do sindicato UGT, ademais doutros comités de empresa e de concellos, e esperamos que todo saia adiante", confiando en que as denuncias que piden a paralización da planta "non saian adiante", comentou.

O representante sindical apuntou que Reganosa experimentou un aumento de actividade, "debido ao ciclo combinado de Endesa nas Pontes". "Agardamos que continuei así, situándonos actualmente por enriba do 50% de utilización", sentenciou.

Sen nomear a Enagas, operador do sistema gasístico de España, López apuntou que "todos" saben "como está a día de hoxe este sistema no país, a quen pertence e mesmo a intención de arrincar outras plantas". "E digamos que Reganosa é a única pedra que ten no camiño para non ter o control de todo o sistema", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xurxo

E vostedes xogando co pan dos mariscadores que traballan na ría e que estades contaminando e coa vida dos ferrolanos e contornada que vivimos nela