En Marea bótase a un lado e non se presentará ás eleccións xerais para "non contribuír á atomización" da esquerda

Lamenta "a falta de vontade" das forzas galegas progresistas para concorrer baixo unha lista única.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2019 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

En Marea non concorrerá ás eleccións xerais do próximo 10 de novembro para evitar "unha fragmentación maior do espazo progresista" en Galicia ante a "falta de vontade" das forzas para conformar unha candidatura única.

O portavoz de En Marea, Luís Villares.
O portavoz de En Marea, Luís Villares.

O partido liderado por Luís Villares informou desta decisión adoptada este sábado nun plenario extraordinario, que serviu para revisar a situación política da formación ante os próximos comicios.

Neste sentido, En Marea lamenta que "a falta de vontade" das forzas galegas "progresistas" para concorrer baixo unha lista única "imposibilitará" que Galicia conte cunha representación "eficaz" en Madrid.

De igual modo, o partido considera que, de presentarse en solitario á marxe desta alianza, suporía "unha fragmentación maior do espazo progresista galego", o cal "actuará en contra dos intereses da cidadanía" e favorecería o "avance das dereitas".

En vista desta situación, o plenario de En Marea acordou non concorrer ás xerais "como un exercicio de responsabilidade" para "non contribuír" a esta "atomización" da esquerda. Con todo, a organización comprométese a "seguir traballando en todas as frontes políticas e institucionais" con "especial fincapé" en tres grandes emerxencias que detecta: "a climática, a feminista e a da igualdade social".

O 1% DOS VOTOS NA ÚLTIMA XERAIS

En Marea cultivou o 1% dos votos nas xerais de abril en Galicia. Presentouse en solitario tras non chegar a acordo con Podemos, Anova e EU, forzas coas que concorrera en 2016.

Actualmente, o portavoz da formación, Luís Villares, atópase no Grupo Mixto do Parlamento con outros tres deputados afíns tras romper o grupo da formación instrumental a consecuencia das súas desavinzas.

A crise interna aberta coa elección do senador por designación autonómica que correspondía a En Marea como segunda forza no Parlamento de Galicia precipitou en xuño unha ruptura que existía 'de facto' desde hai tempo entre os deputados críticos con Villares e os afíns ao maxistrado lucense.

Nas últimas xerais escenificouse o divorcio coa división en dúas candidaturas que competiron entre si: a En Marea de Villares, que obtivo menos de 18.000 votos, e a coalición En Común-Unidas Podemos, integrada por EU e Podemos e que se fixo con dous deputados. Anova, pola súa banda, quedou descolgada e optou por non concorrer aos comicios do 28 de abril, igual que tampouco o fará en novembro.

A ruptura no Parlamento supuxo que os deputados que quedaron no grupo de En Marea eran os que renegaban da súa pertenza ao partido instrumental, polo que cambiaron o nome do grupo parlamentario a Grupo Común da Esquerda. Mentres, os deputados no mixto son leais ao proxecto nado na asemblea de Vigo celebrada en xullo de 2016, menos de dous meses antes das eleccións autonómicas nas que o proxecto rupturista logrou 271.418 votos e 14 escanos.

Daquel espazo, agora En Marea decidiu non presentarse ás xerais, igual que tampouco Anova. En cambio, si concorrerán por separado Galicia En Común (Podemos e Esquerda Unida) e Más País (que se presentará polas provincias da Coruña e Pontevedra). As mareas da Coruña e Santiago non se decantaron por ninguén nos comicios de abril, aínda que a de Ferrol si o fixo por Galicia en Común.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

8 Multinick

Outro grande éxito dos malvidos, os palleiros e D. Mario López Rico. 🐀🐀🐀🐀

7 patético

Cada día esto é máis patético... logo nos preguntamos o por qué do pp... tanto remexer para nada.... veña a vivir da diputasión todos¡¡

6 cangrou

Compromiso por Galicia di identificarse co PNV debería loitar polo votante de centro ou centro dereita do PP .cando di quere ir co BNG en coaligacion perde para sempre eses votantes.en marea anova e BNG si deberían entenderse se foxen responsables

5 Gamela

Rematou a Operación Villares (?) https://i.gal/gamela03

4 Desfeita

Unha decisión intelixente e coherente. No BNG estarán a fregar as mans: se CxG tamén se retira, farase realidade o (falso) mantra de "somos os únicos galegos". A mala noticia é que o espazo á esquerda do PSOE sempre suma en Galiza o 25% dos votos, dos que nacionalistas "duros" son aproximadamente un terzo. Os otros dous terzos son galeguistas de esquerda ou progresistas que votan o que máis os ilusiona, ou o que menos os amola, ou fican na casa. Nos 90 todo ese voto concentrouse no BNG de Beiras, que aparecía como un proxecto aberto, moderno e ilusionante. Pero eses tempos non volverán, agora sempre haberá máis opcións (e menos ilusións).

1 Gamela

Boa análise, agás o final... Agora non volverá haber "máis opcións" que non sexan as de toda a vida: PP - PSOE - BNG (UPG) o resto a ver a Telegaita que da política xa viven eles! Seica rematou a Operación Villares (?) https://i.gal/gamela03