A situación das mulleres na cultura: sofren acoso, discriminación e cobran menos

Un informe organizado polo Consello da Cultura Galega vén de corroborar con datos que os sectores das artes escénicas e audiovisuais en Galicia están masculinizados. O traballo das mulleres está marcado pola temporalidade e os soldos máis baixos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2019 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

Os sectores das artes escénicas e audiovisuais en Galicia está masculinizado. Só o 42% do persoal traballador son mulleres, que contan con dificultades de acceso ao mercado de traballo, aféctalles máis a temporalidade, cústalles conciliar e cobran menos. Ademais, tamén hai casos de acoso laboral e sexual, aínda que se percibe un cambio de actitude. 

Responsables das entidades implicadas na presentación do informe
Responsables das entidades implicadas na presentación do informe | Fonte: CCG

Son as principais conclusións do informe “A situación das traballadoras dos sectores audiovisual e das artes escénicas en Galicia” que este martes presentaron no Consello da Cultura Galega (CCG) os responsables das entidades implicadas: Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura; Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade; e Jacobo Sutil, director de Agadic. Canda eles estaba Hakan Casares Berg, responsable do Observatorio da Cultura Galega e autor do informe; ademais dos representantes das entidades do sector, que foron os promotores da súa elaboración.

Este informe recolle unha diagnose específica das diferenzas de xénero no sector galego das artes escénicas e audiovisuais. As entidades que desenvolveron este informe fixérono a partir da análise de datos cuantitativos e cualitativos - 40 entrevistas en profundidade a persoas destes sectores -. O primeiro dato que puxeron enriba da mesa é que o sector cultural galego achega o 3,5% do emprego total, e dese emprego cultural, case a metade correspóndese co sector do audiovisual e artes escénicas.

MENOR PRESENZA DE MULLERES

A importancia deste informe radica, segundo Dolores Vilavedra, en que "vén corroborar con datos aquilo que xa sabiamos: a menor presenza de mulleres en postos directivos e os menores ingresos, as dificultades de conciliación...". Hakan Casares, autor do informe, asegurou que a maior parte das persoas que traballan son homes, aínda que as proporcións se van igualando conforme avanzan os anos. Actualmente, as mulleres representan o 42% do total. O sector artístico e escénico é claramente o máis "masculinizado": o 62,6% do persoal son homes.

Por treitos de idade, o informe recolle que aumenta a desigualdade a medida que avanzan os tramos, de maneira que ás mulleres élles máis dificultoso manterse nun posto de traballo cultural. “Os homes traballan en período máis prolongado, mentres que entre as mulleres é máis habitual un perfil profesional máis temporal e esporádico. No sexo masculino destaca un 21% con máis de dez anos de traballo no sector, fronte a un 11% de mulleres”, indicou Casares. 

En canto ao nivel de formación, son elas quen teñen unha maior formación en todos os tramos de idade, aínda que adoitan ocupar postos de menor rango e tenden a gañar menos diñeiro ca os homes. A través da análise cualitativa, Casares asegura que se confirma todo o que se atopa nos números. "As profesionais denuncian discriminación, moi patente en empregos ténicos. Ademais, as actrices acceden a un menor número de papeis, son máis cultos, estereotipados e teñen menos categoría". As esixencias do físico e da idade son maiores para elas que para eles.

ACOSO LABORAL E SEXUAL

As mulleres destes sectores tamén puxeron de manifesto a dificultade de conciliar a vida laboral e familiar de cara ao acceso e promoción laboral. E así mesmo, ao longo do período de estudo, tamén se denunciaron casos de acoso laboral e sexual de diferente gravidade: "presións, descrédito, desprezo verbal e insultos, denuncia de fotografías ou vídeos sen permiso, abuso de poder e tocamentos...", asegurou o autor da investigación.

Con todo, as profesionais tamén recoñecen que se está a xestar un cambio de actitude perante estes comportamentos. Dolores Vilavedra puxo o foco na "necesidade de revisar os contidos dos produtos artísticos dende unha perspectiva de xénero, tendo en conta os públicos e a nova realidade social que pula por verse reflectida". Segundo di, nesta tarefa é, quizais, onde se poida avanzar máis rápido, xa que "a pelota está no tellado das creadoras".

En relación a esta apelación do informe, Susana López Abella considerou que esta investigación debe servir para poñer medidas sobre a mesa e "dar pasos que non sexan en falso". "Non pode persistir a discriminación, somos o 52% da poboación, isto prexudica ao conxunto da sociedade, e se queremos ser unha sociedade exemplar, temos que superar estes obstáculos. Basta xa!", sentenzou. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Bismutiño

É normal. A cultura está dominada pola esquerda. Esta xento son os mais machistas.

1 anonimo

" So un 42 % son mulleres" ¿ Só ? ¿ Case a metade ? Non é por nada, pero a noticia cheira moito a victimismo. E coma sempre, tenta darse a impresión de que as mulleres cobran menos por facer o mesmo traballo, cando, se un lee o texto completo, podese ver que eso non é así,que eso ten que ver con a remuneración dos postos de traballo aos que se accede. o dito, victimismo a tope.