Por Claudia Varela Lourido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2025 | Actualizada ás 19:45
O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu este venres a presentación do libro 'As mulleres no xornalismo galego: A crónica revelada', unha publicación editada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) que recompila os testemuños de 13 referentes do xornalismo galego. Nesta acto, temáticas como a situación da profesión, a crise de credibilidade, a precariedade laboral, a relación coas fontes, as áreas xornalísticas, así como a conciliación, a mirada patriarcal nos medios de comunicación, o acoso sexual e a síndrome da impostora, situáronse no centro da meirande parte dos discursos das homenaxeadas.
Rita Alonso, Isabel Bravo, Pilar Fariña, Ujué Foces, Cristina Huete, Cristina Lombao, Margarita Ledo, Carmen Merelas, Tareixa Navaza, Concha Pino, María Xosé Porteiro, María Rey e Ana Romaní son as mulleres cuxo testemuño se recolle neste volume. Estas mulleres foron pioneiras do xornalismo galego nos anos 70 e 80, momento no que iniciaron a súa traxectoria profesional. Nesta época, a presenza feminina nos medios de comunicación era moi escasa, polo que este libro supón un exercicio de xustiza simbólica, destacando a traxectoria de xornalistas como Begoña Caamaño, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2026, e a escritora Luísa Villalta, que dá nome aos Premios "Luísa Villalta" a proxectos pola igualdade.
Sol Agra, representante de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, acudiu ao acto, destacando o labor da directiva actual do Colexio de Xornalistas, que "representa á perfección o ámbito da igualdade". "Todas as actividades en defensa dos medios públicos, así como as que loitan contra a desinformación, son merecedoras de todo o noso apoio", destacaba Sol Agra.
Ante a presenza dunha parte das entrevistadas, afirmaba a coordinadora do libro, Eliana Martíns, que "ver ás entrevistadas aquí reunidas sempre é un subidón", á vez que afondaba na relación do Colexio coa igualdade, destacando que sempre foi unha preocupación, pero foi concebida a nivel "puramente informativo". Eliana Martíns resaltou que estas mulleres viviron nun contexto no que "os teitos non eran de cristal, eran de cemento armado".
Afirmaba María Xosé Porteiro, unha das entrevistadas, que "as xornalistas normalmente vemos o que pasa fóra, pero non o que nos pasa a nós. Este proxecto é un medicamento que nos pode axudar a reparar a memoria colectiva". Por outra banda, Tareixa Navaza reflexionou sobre as dificultades da profesión, destacando que "o que resiste, vence", en alusión á situación actual dos medios públicos galegos: "na facultade de Xornalismo descoñecen que desde a CRTVG levan 7 anos protestando por ter uns medios públicos galegos libres".
Entre aplausos e miradas de orgullo, o acto concluíu cunha reflexión sobre a situación actual da profesión, incidindo nun recoñecemento ás novas xeracións de mulleres xornalistas, que "son moito máis conscientes dos dereitos aos que as veteranas tiveron que renunciar". A mirada androcéntrica que arrodeou o xornalismo durante moito tempo vai disolvéndose pouco a pouco, xa que, segundo Isabel Bravo, "dende a vocación, tedes que seguir aí, dando a batalla con rigor e verdade". Este libro afonda nas crónicas vitais e profesionais destas mulleres, plasmándoas nun contexto xornalístico substancialmente distinto. Por todas as xornalistas "que foron, que son e que virán".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.