Temas: SAúDE

Galicia, por enriba da media española na prevalencia da enfermidade renal crónica

Os nefrólogos alertan do aumento da prevalencia desta doenza.

Por Europa Press / Redacción | | 08/10/2019 | Actualizada ás 17:07

Comparte esta noticia

Os nefrólogos advertiron do aumento da prevalencia da enfermidade renal crónica en España, que se situou en 2018, por primeira vez, por enriba das 1.300 persoas por millón de poboación, en concreto 1.304. Galicia é unha das autonomías que rexistra unha maior taxa de prevalencia, con 1.395 pacientes por millón de poboación.

Riles.
Riles.

Estes datos achegáronse no marco do XLIX Congreso Nacional da Sociedade Española de Nefroloxía, que se celebrou ata este martes na Coruña.

Así, na actualidade hai en España unhas 61.000 persoas que necesitan tratamento renal substitutivo (diálese ou transplante). Ademais, no último ano experimentouse un aumento da incidencia (novos casos), pasando das 141 persoas por millón de poboación ás 147,3, un 4% máis.

No caso de Galicia, a prevalencia (o número total de persoas que pasaron a necesitar diáleses ou transplante) sitúase moi por enriba da media estatal, con 1.395 persoas por millón de poboación fronte aos 1.304 da media en España.

"De feito, Galicia unha das comunidades españolas que rexistra unha maior taxa de prevalencia da enfermidade renal crónica, por detrás de Cataluña, Canarias e Comunidade Valenciana", explican desde a organización do congreso que subliñan que son máis de 3.600 galegos os que precisan tratamento renal substitutivo.

Pola súa banda, a incidencia en Galicia sitúase lixeiramente por baixo da media estatal, con 142 persoas por millón de poboación fronte aos 147 da media en España, aínda que cun descenso de case o 5% respecto de 2017.

De acordo cos datos achegados no congreso, en España hai algo máis de 7 millóns de persoas que padecen enfermidade renal crónica, e o 25% dos novos casos desta patoloxía débense á diabetes.

Temas: SAúDE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta