Reconstruíndo parte da historia do noso cine: os rexistros do Equipo Lupa nos anos 70

Euloxio Ruibal foi un dos promotores deste grupo de rapaces comprometidos social e politicamente que decidiron capturar a través da súa cámara parte desa historia nosa que estaba esmorecendo. Do seu intenso traballo recupéranse agora algunhas pezas cinematográficas como o derrubamento do Castromil. A través desta conversa con Ruibal, reconstruímos parte da historia do noso cinema.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Transcorrían os anos 60 e 70. As cafeterías americanas espallábanse polas cidades galegas, os pantalóns vaqueiros poñíanse de moda, a CocaCola publicitábase en cada esquina, The Beatles escoitábanse baixo a chuvia compostelá... Era unha época de cambios. Un tempo novo íase abrindo camiño marcado pola globalización, pola querenza de liberdade, unha ditadura xa máis debilitada e unha Igrexa que aínda afobaga.

Fotograma de 'O edificio Castromil' (1975), do Equipo Lupa
Fotograma de 'O edificio Castromil' (1975), do Equipo Lupa | Fonte: Curtocircuíto

O espírito crítico, reaccionario e rebelde da mocidade, alentado polas revoltas estudantís do 68, vólvese contra o franquismo, o consumismo e o capitalismo. Desa enerxía xuvenil nace en Compostela o Equipo Lupa, un grupo de rapaces comprometidos ideolóxica, artística, social e politicamente que decidiron producir cinema independente no país e para o país. A comezos da década dos 70, Euloxio Ruibal (Ordes, 1945), un amante do audiovisual e do teatro, atópase na Coruña con Félix Casado, outro amante máis e gran coñecedor das diferentes tipoloxías de cámaras e formatos. Este "encontro feliz" -como o define Ruibal- é a semente dun proxecto inédito ao que pouco a pouco se van sumando máis persoas: Lucrecia Carril, Ana Antón, Clemente Crespo, Xosé Ramón Pousa, Arturo López e mesmo Roberto Vidal Bolaño.

"Queriamos liberdade de creación, e tivémola, a pesar de ser tempos difíciles"

Os compoñentes deste equipo influéncianse da actividade política e cultural que agromaba co ambiente universitario. Conta Ruibal que se foron abrindo camiño nun mundo pouco favorable. "Nós tiñamos un compromiso, soñabamos cun cine totalmente noso, pensado en galego e dirixido ao público galego". Este desexo estaba afastado das industrias ao uso que impoñían os seus criterios. "Nós queriamos liberdade de creación, e tivémola, a pesar de ser tempos difíciles. Eramos novos e burlabamos os atrancos con enerxía e ilusión", relata Ruibal.

O REXISTO DE MOSTRAS ETNOGRÁFICAS

Así pois, sorteando a censura e a represión, o grupo Lupa comezou a producir pequenas pezas realizadas en formato 8mm e que hoxe representan un anaco máis da historia do noso cinema. Percorreron Galicia e rexistraron escenas etnográficas que aluden á memoria colectiva do país. O resultado foron nove pezas de cine: Mesturanza (1972), sobre unha mostra de serigrafía galega; A rapa das bestas (1972), filmada en Candaoso (Viveiro); A procesión das Mortallas (1972), sobre a procesión que se celebra na Pobra do Caramiñal; O Corpiño (1973), que rexistra a popular romaría; Peliqueiros (1973), arredor do Antroido de Laza; e Entroido do Ulla (1974), único filme do grupo dirixido en exclusiva por Vidal Bolaño. Tamén filmaron unha peza de ficción - Holocausto - e capturaron coas súas cámaras o derrubamento do recoñecido Edificio Castromil na Praza de Galicia de Compostela. 

Euloxio Ruibal, escritor e director galego
Euloxio Ruibal, escritor e director galego | Fonte: Uxía Iglesias

Para Ruibal, todas estas películas "obedecen a unha época de precariedade, foron feitas con medios rudimentarios", recorda. Considéraas mesmo "un pecado da xuventude", di riseiro. "Era un xogo, pero tamén tiñamos certas ambicións artísticas. Un día dixéronme que moitas veces as limitacións potencian e agudizan o inxenio. En parte si, pero eu recordo que nos viamos obrigados a abandonar certos efectos cinematográficos porque non tiñamos cartos para mercar material". 

O Equipo Lupa sentía certa "urxencia" por grabar aquela Galicia dos 70 que axiña deixaría de ser como ata entón. "Viña o Corpiño, e diciamos, 'é que hai que filmalo! Para o ano que vén xa vai ser distinto!'. Cando nós fomos pasabamos desapercibidos, a xente non se sentía observada. Hoxe hai moitos espectadores e iso inflúe nas tradicións". Se agora Ruibal volvese coller unha cámara para capturar aquilo que urxe, conta que poñería o obxectivo sobre a vida no agro, con todas as súas manifestacións: "A xente nosa traballando e vivindo no campo, a vida diaria e nos días de festa... Iso pérdese. As casas quedan baleiras. Este marcha, aquel marcha... Vese un deterioro físico e mental nos nosos paisanos", relata. 

"Hoxe non existe ese sentimento de arraigo e pertenza a un lugar, e polo tanto, a unha comunidade"

"Xa daquela empezara un proceso de transculturización, onde a xente foi perdendo a súa cultura" - prosegue - "Hoxe non existe ese sentimento de arraigo e pertenza a un lugar, e polo tanto, a unha comunidade. Non existe a necesidade de gardar esas festas onde se reúne a familia extensa. Iso tamén había que recollelo. Igual xa é tarde...", reflexiona. "Perdemos unha cultura milenaria, a agraria, pero non a substituímos por outra. A cambio de que? A xente está desorientada".

"Nos cineclubes é onde se formas os espectadores críticos"

Contra a perda loitaban aquelas películas, historia do noso cinema, que predispoñían o espectador á reflexión. Non eran un simple rexistro do decorrer cotiá, senón que buscaban achegar unha análise máis profunda a través da pantalla. Os referentes cinematográficos daquel grupo Lupa eran, fundamentalmente, os cineclubes das capitais galegas. "Ali coñeciamos moito cine que non pasaba polas salas comerciais, foi un medio de aprendizaxe importante: asistiamos aos colocios, preguntabamos, escoitabamos... e falabamos moito entre nós". A Euloxio nótaselle o cariño que lles garda. Segundo di, é neles onde se forman os bos espectadores críticos. A tele, pola contra, faise "á base de estatísticas". 

De feito, Ruibal recoñece que co seu labor cinematográfico estaban cumprindo un papel que daquela debería ter feito a televisión e non fixo. "E segue sen facelo", engade. "Nós pretendiamos crear obras coas que a xente se vise reflexada, que fosen un espello, como dicían os escritores do Barroco. Queriamos que o noso cine fose un espello para a xente de noso". Por iso era para eles fundamental que a lingua daquelas producións fose a galega. "A patria do noso cine é o idioma. Cando as películas se ven coa propia idiosincrasia, chegan máis fondo. Ten que haber ese público predisposto, pero non maleado. Para que a comunicación funcione mellor, os espectadores non poden ser alleos ao que ven. Isto ten o seu compoñente idealista... Mais eu sempre fun un pouco utópico. Se non hai algo no que cres, pódese un perder, e aínda así, moitas veces é mellor perderse!", ri. 

"A patria do noso cine é o idioma"

CHEGAR Á PANTALLA

O cinema independente de Ruibal e o Equipo Lupa chegou ás pantallas máis de 40 anos despois de seren filmadas. Foi grazas ao Curtocircuíto, Festival Internacional de Cine de Compostela, que propuxo rescatar estes tesouros do caixón onde levaban gardados ben tempo. Documentos únicos coma o derrubamento do edificio Castromil ou os peliqueiros dos anos setenta foron proxectados ao abeiro do Teatro Principal. Imaxes que explican o noso pasado, que nos explican a nós.

Daquela, cando as produciran, algunhas das pezas foran proxectadas nas Primeiras Xornadas de Cine de Ourense, mais a intención de levalas por todas as vilas do país a través dos teleclubes esmoreceu polo camiño. Por unha banda, porque a actividade do grupo remata de maneira prematura, xa no 74; e pola outra, porque non conseguiran o financiamento suficiente para acceder a un equipo en 16mm. Euloxio recorda que estiveron a piques: dunha vez, Adolfo Marsillach, actor e director de teatro español, visitou Galicia e ofreceulles un equipo desas características. Lupa púxose a buscar diñeiro para mercalo co obxectivo de que estivera dispoñible, xa non só para eles, senón para toda Galicia, mais non atoparon a axuda suficiente.

"Os textos viñan permitidos, denegados ou con partes tachadas pola censura"

A censura da época tampouco poñía as cousas fáciles no proceso de distribución. Tanto no cinema coma no teatro, había que solicitar permisos a Información e Turismo, recorda Ruibal. "Os textos viñan permitidos, denegados ou con partes tachadas. Tamén impoñían militacións de público". Había que ser pillos para evitala. "Recordo que nas xornadas de cine de Ourense nos avisaron de que o Gobernador Civil quería ver as nosas películas antes de proxectalas, e daquela pedímoslle a un cura cineasta que viñera con nós para que o entretivera mentres aparecían as escenas máis controvertidas. Habia que ir xogando! Algúns tiñan a táctica de poñerlles marisco, e viño e máis viño! Sodes bárbaros, dicían entón!", conta a risas.

DE CAMIÑO Á ACTUALIDADE

Hai 14 anos Euloxio Ruibal escribía o seguinte no seu discurso de benvida á RAG: 'Soñamos cun cinema, cun sistema audiovisual, e mais cun sistema teatral, para o noso país que amose con xurdío vigor artístico a nosa identidade cultural, un sistema independente e xenuíno, cumpridamente normalizado; mais tamén aberto a todos os ventos que a rosa decote sinala". Estamos hoxe máis preto dese soño? 

"Non vou citar películas nin directores, pero destacarei un: O que arde, de Óliver Laxe. Paréceme unha gran película. Cun filme así e cuns cantos que xa existen fomos alcanzando un lugar meritorio dentro do cinema", pensa Ruibal. Filmes coma ese, di, alégrano. Aínda que segue botando en falta unha produción e distribución galega máis xenuína, que contribúa a prestixiar o idioma e que reflexe a nosa idiosincrasia.

O equipo Lupa esmoreceu aos catro anos de inicar a súa actividade, pero deixa imaxes que permiten reconstruír o noso pasado. Daquelas pezas do 70 houbo algunhas que se perderon entre mudanza e mudanza. Outras quedaron a medio facer. "Inqueda volta non se rematou porque nos venceu o tempo que marca aquí a luz do sol. Foi quedando... Pero Félix e mais eu temos pensado que quizais cos medios de hoxe se poida facer un final que non desentone co resto da obra".

- Gustaríalle rematala?

- Gustaríame, si. Faríame graza, faríame ilusión.

Euloxio Ruibal, escritor e director galego
Euloxio Ruibal, escritor e director galego | Fonte: Uxía Iglesias
Euloxio Ruibal, escritor e director galego
Euloxio Ruibal, escritor e director galego | Fonte: Uxía Iglesias
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta